publicidade hoxe

O Concello de Pontevedra pedirá a Fomento crear unha vía verde entre Arcade e Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra solicitará ao Ministerio de Fomento a transformación en vía verde da antiga vía férrea entre Arcade e Pontevedra. O anuncio fíxoo hoxe o concelleiro Luís Bará, logo de facer unha valoración e resumo da situación das obras do Tren do Eixo Atlántico ao seu paso polo concello.

Cabe lembrar que actualmente, a antiga vía férrea entre Arcade, á altura da ponte sobre o río Verdugo, e a estación de Pontevedra deixou de ter uso para o transporte ferroviario de pasaxeiros e mercadorías.

Concretamente, o treito entre Arcade e Figueirido comeza a presentar un estado de abandono e nalgúns puntos comeza a ser invadido pola maleza.

A transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestutura de aproximadamente 10 km, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso. No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado do TAV. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado actual. Conseguiríase así unha nova infraestrutura con grandes potencialidades para:

• a mobilidade ciclista entre Arcade e Pontevedra, como alternativa segura, saudábel e sustentábel á do tráfico a motor; co desdobramento da avda de Vigo permitiría chegar desde Arcade até o parque de Campolongo nun percorrido duns 10 km.

• o uso recriativo pola posibilidade de conectar con unha senda peonil a cidade de Pontevedra, o ENIL do río dos Gafos-Tomeza, as salinas de Vilaboa, a illa da Insuiña, Ponte Sampaio e o paseo marítimo de Arcade.

• O uso turístico dunha vía verde de 10 km cun trazado paralelo ao camiño portugués a Compostela e que segue en grande parte do seu percorrido a traza da Vía Romana XIX.

A tranformación da vía férrea en vía verde tería un custo non moi elevado e un impacto moi positivo para a mobilidade e para a promoción turística da comarca, pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa e cos que sería necesario conectala: 1. ENIL do río dos Gafos-Tomeza

2. Vía Romana XIX e Camiño Portugués

3. Salinas de Vilaboa e CEPA da Enseada de San Simón

4. Illa da Insuiña ou de Medal en Ponte Sampaio e Ponte Medieval de Ponte Sampaio

5. Pontes do Ferrocarril entre Arcade e Ponte Sampaio, fábrica da Pontesa, Illa do Castelo de Ponte Sampaio…

A previsión do concello de Pontevedra é dirixirse ao Ministerio de Fomento para que este treito da vía sexa desafectado do uso ferroviario e se destine a vía verde.

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra ten previsto dirixirse persoalmente á Ministra Ana Pastor para interesarse por este proxecto.

Desde o concello tamén se fixeron xa xestións ante a Deputación de Pontevedra para o acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Verdugo, xa que a infraestrutura une dous concellos e polo tanto estaría xustificada a intervención da Deputación.

29 de xullo de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.