publicidade hoxe

O ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ achega a música vangardista de Austrian Soundscapes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza esta semana o concerto de Austrian Soundscapes, colectivo de músicos austríacos que chega a Galicia para sorprendernos cos seus sons electrónicos e vangardistas no marco de ‘Atardecer no Gaiás’, o ciclo de música co que animar as tardes do verán na Cidade da Cultura.

Vencellados á arte contemporánea de vangarda, conceptual e de instalación, chegan a sala Eisenman do Gaiás cinco dos músicos máis habituais da escena austríaca de música electrónica: Andreas Kurz, Sun On, Enrique Tomás, Jakob Dietrich e Doric Prlic. Ao longo de aproximadamente dúas horas, os músicos daranse paso para conseguir unha das propostas máis vangardistas desta edición.

Cinco artistas únicos

A obra de Andreas Kurz céntrase na intersección entre a arte visual e a música, sobre todo na relevancia do son na constitución da orde estrutural dun espazo. Kurz é un activo performer de música electrónica sen ordenador, unicamente con caixas de ritmos e sintetizadores que combinan ritmos co ambiente.

O traballo de Sun O, pola súa banda, parte de situacións imprevistas, do xogo co son que producen diferentes máquinas. Próximo ao ‘circuit bending’, os seus concertos convértense nunha sucesión de composicións improvisadas como resultado da experimentación coas características sónicas dos dispositivos que ela mesma crea.

O concerto de Enrique Tomás, de orixe español, lévanos a experimentar a escoita activa con rangos extremos de frecuencias e amplitudes, que se entrelazan en composicións que utilizan as propiedades acústicas do espazo da performance como o material mesmo da obra.

Nos concertos de Jakob Dietrich, próximos ao son electroacústico, e a miúdo como parte do duo thus & hence, o espazo de escoita formúlase como unha paisaxe sonora chea de sons funcionais que enfatizan a nosa escoita coas realidades da nosa vida diaria.

Interesada polo son no espazo público, a quinta integrante dos Austrian Soundscapes, Doric Prlic, adoita presentar a súa obra en forma de acción sonora, a metade de camiño entre a perfomance e o concerto.

Doutra banda, o sábado 26, as 21:00 horas o Gaiás será o escenario para a actuación dos dous mestres do jazz Chick Corea e Stanley Clarke, un dos pratos fortes da programación da Cidade da Cultura para este verán.

Servizo especial de bus urbano

Aínda que todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura, o de Austrian Soundscapes terá lugar na sala Eisenman a partir das 21:00 horas con entrada libre ata completar aforo. Os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11, que sairá o xoves do Gaiás ás 22:45.

21 de xullo de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.