publicidade hoxe

Mellórase a atención dos usuarios dos centros sociosanitarios públicos facilitando o acceso á historia clínica electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Rocío Mosquera e Beatriz Mato na visita á residencia de Caranza

Rocío Mosquera e Beatriz Mato na visita á residencia de Caranza

As conselleiras de Sanidade e de Traballo e Benestar, Rocío Mosquera e Beatriz Mato, visitaron hoxe a residencia mixta de maiores de Caranza. Alí, a titular de Sanidade destacou que dende xaneiro deste ano, grazas á modificación do decreto de acceso á historia clínica electrónica, é posible que os facultativos destes centros públicos poidan acceder á historia clínica do propio paciente para consultala ou escribir informes. Un proceso que está agora mesmo “en proceso de implantación” e do que a residencia de Caranza “se ten convertido nun referente”, engadiu Mato.

Isto redunda nunha mellor atención aos residentes, ao permitir o acceso a probas complementarias e interconsultas con especialistas hospitalarios, e beneficia ao sistema xa que optimiza as probas e derivacións hospitalarias, evitando duplicidades e axustando tratamentos.

No que vai de ano, son máis de 1.500 os residentes aos que se ten accedido á súa historia clínica electrónica, por parte de 27 profesionais das 14 residencias nas que se está a utilizar. Neste sentido, Galicia lidera a integración sociosanitaria en España a través do uso compartido da historia clínica electrónica.

Esta iniciativa comezou cunha experiencia que se levou a cabo o ano pasado na residencia de Volta do Castro de Santiago, que resultou “sumamente positiva”, tal e como puxeron en valor ambas conselleiras.

Os departamentos de Sanidade e Traballo e Benestar traballan conxuntamente dende hai anos a prol da coordinación sociosanitaria de Galicia, a través de órganos como a Comisión interdepartamental de coordinación da atención sociosanitaria de Galicia ou o Comité técnico de planificación da atención sociosanitaria. Froito deste traballo, o ano pasado presentouse o Plan Marco de Atención Sociosanitaria de Galicia.

Nel, dende o Servizo Galego de Saúde, definíronse as principais liñas de acción e iniciativas a desenvolver nos vindeiros catro anos. Para conseguilo, explicou, definíronse cinco perfís de poboación con necesidades sociosanitarias, un deles especificamente dedicado aos maiores, e no cal a colaboración e participación da Consellería de Traballo e Benestar é fundamental para buscar a maior eficiencia dos recursos sociais e sanitarios, segundo dixo. Así, Mosquera lembrou que nos centros sociosanitarios hai persoas nos que con frecuencia os criterios médicos condicionan unha limitación funcional tan importante que dificulta seguir vivindo no seu domicilio familiar, convertendo estes centros no seu domicilio habitual.

A Xunta conta tamén co proxecto online Xente con Vida, que pretende sensibilizar á cidadanía galega sobre os beneficios dos hábitos de vida saudables centrándose na difusión de información fiable e contrastada sobre alimentación; e cunha Guía de recomendacións para a alimentación das persoas maiores, que ten como obxecto facilitar información clara e sinxela a aquelas persoas con interese na alimentación das persoas en idade avanzada como determinante clave do seu estado nutricional e de saúde.

“Dende o Servizo Galego de Saúde temos o reto de afrontar as consecuencias que o cambio demográfico da poboación galega ten na asistencia sanitaria. O incremento da esperanza de vida supón un incremento na cronicidade das patoloxías que padecen as persoas, coas súas repercusións na capacidade funcional e no seu entorno familiar, e consideramos un paso fundamental seguir traballando conxuntamente –declarou-. Así o fixemos en dous plans que son iniciativas da Consellería de Traballo e Benestar: o Plan Galego das Persoas Maiores 2010-2013. Horizonte 2015, e o Plan de Discapacidade de Galicia, e así o estamos a facer conxuntamente co borrador da estratexia nacional de atención e coordinación sociosanitaria do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade”.

Ademais, as consellerías de Sanidade e Traballo e Benestar seguirán colaborando, entre outros aspectos, na formación do persoal sanitario das residencias mediante cursos que melloren a capacitación do persoal na atención a persoas con trastornos mentais -permitíndolles o acceso a cursos de temática sociosanitaria que realiza a FEGAS- e con iniciativas concretas de actualización nos circuítos, guías clínicas e protocolos terapéuticos.

“Como se recolle na Estratexia Sergas 2014, se queremos avanzar na excelencia debemos deseñar unha atención sociosanitaria baseada nun modelo de atención integral, interdisciplinar e rehabilitador, no que poidamos ter a cada usuario no dispositivo máis axeitado segundo as súas necesidades”, resumiu Mosquera.

Modernización dos servizos sociais

Todos estes avances son “un paso máis no noso camiño de mellora, eficiencia e axilización da atención aos maiores”, tanto a través da modernización dos servizos sociais como a través da consecución dunha coordinación efectiva entre os dous departamentos, apuntou Mato.

A conselleira de Traballo puxo en valor outros avances xa realizados polo seu departamento como a posta en marcha do Expediente dixital nos servizos sociais, para o cal xa se dixitalizaron preto de 140.000 expedientes históricos, o que permite unha mellora nos tempos de resolución e na calidade de xestión, ao tempo que facilita a tramitación telemática.

Nesta mesma liña de actuación, recordou que o ISU (Informe Social Unificado) unifica nun modelo común o acceso aos distintos servizos sociais das áreas de dependencia, discapacidade e promoción da autonomía persoal. Ata o momento, había informes distintos para cada procedemento. Con esta nova ferramenta, diminúese ao mínimo o proceso para cumprimentar a documentación que realizan os traballadores sociais.

Todas estas actuacións enmárcanse nos obxectivos do Plan Trabe, unha estratexia de modernización dos servizos sociais que desenvolven en colaboración e de xeito coordinado a AMTEGA, a consellería de Traballo e Benestar e a de Sanidade.

Ademais das novidades da xestión, Benestar segue traballando para aumentar e optimizar as infraestruturas sociais da comunidade. Así, nos últimos cinco anos creáronse preto de 2.900 prazas públicas en residencias, centros de día, e centros de alzheimer, o que supón un incremento de prazas do 42% con respecto ás que había en 2009.

Este compromiso de mellora das instalacións ten a súa proba na residencia de Caranza, na que se vai acometer unha reforma para convertela nun espazo “máis cómodo e de maior calidade”. As obras, cun investimento de 1,4 millóns de euros, mellorarán as condicións de habitabilidade, seguridade e comodidade.

21 de xullo de 2014 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.