publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Inícianse as labores de reforzo da protección, información e sinalización da praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+

Técnicos da Xunta desprazáronse hoxe a Ribadeo para manter unha primeira sesión de traballo nas Catedrais xunto con responsables do Concello de Ribadeo e da Dirección General de Costas, na que se estudaron cuestións relativas ao reforzo da sinalización e ás funcións que terán os guías informativos.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, que estivo presente no inicio dos traballos, destacou a necesidade de “traballar dunha forma participativa”, tanto na adopción destas primeiras medidas como na elaboración do plan para a regulación do uso público no Monumento Natural da Praia das Catedrais, “que ten que contar coa colaboración de todos”, afirmou.

No encontro de hoxe entre as administracións con competencias sobre esta área identificáronse as zonas máis sensibles. Estudáronse tamén a ubicación, contido e tipo de paneis que se instalarán, acordes cos xa existentes para gañar celeridade no inicio dos traballos.

Tellado lembrou que estas primeiras medidas forman parte “dunha actuación que ten que ser entendida a medio prazo, xa que é preciso elaborar un plan de conservación que veña a resolver o problema con carácter permanente”.

Mentres, afirmou, “era preciso acometer medidas: reforzando os paneis de advertencia, información e promoción, non só do monumento natural senón de todos os valores que ten esta costa, e contratando guías para que informen aos visitantes e advirtan do que non se debe facer”.

As aglomeracións e os malos usos “impactan moi negativamente sobre os espazos protexidos”, afirmou Tellado, pero “cada vez máis persoas demandan disfrutar de forma sustentable dos espazos protexidos”.

As xuntanzas técnicas continuarán nos vindeiros días, coincidindo xa co inicio da instalación dos paneis, ao tempo que avanza a redacción do plan de conservación. “Esperamos ter un documento listo para a exposición pública este mesmo verán”, asegurou Tellado.

 

14 de xullo de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.