publicidade hoxe

Comezan as labores de roza e limpeza no lago Castiñeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedraVilaboa
A-
A+
Cores Tourís na visita ao lago Castiñeiras

Cores Tourís na visita ao lago Castiñeiras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o lago Castiñeiras en compaña da alcaldesa de Marín, María Ramallo, así como do alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro, para comprobar o inicio das labores de roza e limpeza deste entorno.

O responsable da Delegación Territorial estivo tamén acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como por técnicos do Servizo de Conservación da Natureza.

Segundo apuntan os técnicos da administración autonómica, o acordo ao que se chegou o pasado luns durante unha visita a este lago xunto ás catro comunidades de montes que comparten terreos nel, permitiu que onte comezaran os traballos de roza e limpeza que se iniciaron na zona norte do parque, en San Xulián.

A limpeza continuará nas parcelas arredor da área recreativa, aínda que se acordou tamén manter no seu estado actual algunhas zonas con matogueira e regatos, xa que se trata dun espazo natural que ten que ser compatible co uso público. Deste xeito, os cavorcos e os regatos son zona de ecosistema dos anfibios e as matogueiras refuxio e alimento de aves.

Tamén se acordou limpar e recuperar o sendeiro de mámoas ata Chan de Armada, “o que requirirá primeiro un análise por parte de Patrimonio”, explicou Cores Tourís, quen deixou claro que a Xunta realizará tamén un estudo sobre o custo que terá a recolocación de novos carteis informativos na zona recreativa.

Ademais, se concentrarán os contedores de lixo en dúas zonas: no acceso ao lago e na área recreativa. Sinalizaranse correctamente as zonas de aparcamento e se retirarán os valados que se atopan podres, “e que soen ser os que quedan en puntos máis escuros”, engadiu o delegado territorial, quen engadiu que de cara ao outono, traballarase con Augas de Galicia para a limpeza do vaso do lago, así como para erradicar do mesmo as especies foráneas invasoras que agora se atopan nel”.

Entre as medidas que tamén se van tomar se atopa a limpeza da aula da natureza e do parque biolóxico, “xa que aínda que non se están a levar a cabo actividades nestes puntos, sabemos que algúns colexios estarían interesados en solicitar visitas a estes lugares”.

Tal e como matizou Cores Tourís, unha das demandas das comunidades de montes será trasladada á Deputación provincial, xa que “é competencia dela a estrada de acceso”. Neste caso, os comuneiros solicitaron que se sinalice a estrada a 30 quilómetros por hora.

Os alcaldes agradeceron o interese do delegado territorial por poñer en marcha tarefas de mellora no entorno do Lago Castiñeiras, e engadiron a súa demanda de poñer en marcha un plan estratéxico que permita financiar o mantemento e a posta en valor de este entorno “ao longo do tempo”, tal e como matizou María Ramallo.

“Trátase dun entorno con gran potencial que pode converterse nun referente e reclamo turístico, pero para iso temos que conseguir que non se deteriore, cuestión na que nos temos que implicar todos: concellos, Xunta e comuneiros”, engadiu a alcaldesa de Marín.

Da mesma opinión foi o rexedor de Vilaboa quen matizou que “trátase dunha importante aposta polo futuro deste entorno. Os nosos concellos terán a man tendida para traballar, tanto por conseguir que esta zona obteña algún grado de protección como para a súa dinamización”.

9 de xullo de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.