publicidade hoxe

Chantada acollerá unha xuntanza da Deputación cos veciños para elaborar os orzamentos participativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugo
A-
A+

As xuntanzas que organiza a Deputación de Lugo por toda a provincia para recoller as propostas e opinións dos veciños de cara á elaboración dos orzamentos participativos, os primeiros dun organismo provincial en España, continúan mañá no partido xudicial de Chantada. A asemblea terá lugar na Casa Sindical da vila chantadina, ás 19:00 horas, e poderán participar todas as persoas que o desexen, cos únicos requisitos de ter máis de 16 anos de idade e estar empadroados nalgún dos concellos do partido xudicial: Chantada, Carballedo, Taboada, Monterroso, Palas de Rei, Antas de Ulla e Portomarín.
 
O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

– Haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.

– Abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.

– Os veciños cubrirán ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Preferencias

Nas dúas xuntanzas xa celebradas ata o momento, na Fonsagrada e Viveiro, as opcións maioritarias marcadas polos máis de 200 asistentes foron as políticas sociais e a creación de emprego.

Trala cita de mañá en Chantada, as xuntanzas participativas continuarán o día 15 en Vilalba; o 17 en Sarria; o 22 en Monforte; o 29, en Becerreá; o 30 en Mondoñedo; e o 31 en Lugo.

Ademais desta ferramenta de participación, a través de encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outras dúas vías: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.

Os seguintes pasos

Ata finais de xullo os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial a través destas tres canles. En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

9 de xullo de 2014 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.