publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de recambio da cuberta do pavillón do colexio de Sober contaron cun investimento de 38.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSober
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Arias, revisou hoxe os traballos de mellora no pavillón deportivo do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Virxe do Carme de Sober. Durante a súa visita a delegada, xunto co alcalde da localidade, Luis Fernández Guitián, puido comprobar as evidentes melloras producidas na instalación deportiva.

As obras de modernización da cuberta, que rematan precisamente no día de hoxe, supuxeron o cambio do teito do pavillón do centro educativo de Sober e foron financiadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que aportou 38.013,92 euros.

Estas obras poñen fin a unha primeira fase de actuación no colexio de Sober, na que se empregaron preto de tres semanas de traballos. A actuación, segundo explicou Arias, centrouse “no cambio da antiga cuberta de chapa metálica por unha nova cuberta de paneis sándwich, composta por dúas capas de chapa que revisten unha capa de material illante que facilita un maior equilibrio térmico ao tempo que permite unha maior impermeabilización”.

Ademais de cambiar a cuberta que presentaba zonas deterioradas polo paso do tempo, logo de 30 anos da súa construción, nesta primeira fase tamén se cambian os canalóns que rodean o teito por uns de maior capacidade, que permiten mellores condicións de desaugue.

A máxima representante do Executivo autonómico en Lugo fixo referencia “ao esforzo económico que realiza o Goberno autonómico para mellorar instalacións deportivas como estas, que son empregadas non só polos alumnos do colexio de Sober, senón tamén polos demais veciños do municipio”.

Arias indicou que, no apartado educativo, esta reforma supoñerá un claro beneficio para o alumnado do colexio de Sober, que conta cunha matrícula que ronda os 60 escolares entre Educación Infantil e Educación Primaria. Para a realización das obras escolleuse a tempada de verán, coincidindo co período non lectivo, para así non causar trastornos nas actividades que se realizan neste pavillón.

A delegada territorial, Raquel Arias, reiterou o compromiso do Goberno galego coa educación e o deporte, que se ven representadas con actuacións como esta. Esta obra foi unha petición realizada polo alcalde de Sober e a comunidade educativa ante as deficiencias que presentaba a cuberta xa cambiada.

24 de xullo de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.