publicidade hoxe

Alfonso Pérez logra unha medalla de bronce para a Ximnástica de Pontevedra no nacional xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Alfonso Pérez

Alfonso Pérez

Positivo resultado o dos atletas da Sociedade Ximnástica no Campionato de España Xuvenil que se celebrou en Valladolid cun posto de finalista e unha medalla de bronce.

Alfonso Pérez foi o laureado na proba de 400 metros, tivo unha semifinal complicada que coincidiu cunha forte tromba de auga que posteriormente obrigou a parar temporalmente a competición, aínda así gañou a súa serie. A final resultou moi rápida e o pupilo de Pablo Díaz soubo aproveitar o gran momento de forma no que chegaba á cita valisoletana, mellorando o seu actual record de Galicia da categoría, rebaixándoo até os 48.99 e colgándose unha medalla moi merecida.

O posto de finalista foi para Darío Costas nos 100 metros, nas semifinais chegou a correr en 11.01, preto dos 10.98 que fixo hai un mes que significaba un novo record galego xuvenil. Pero na final o vento en contra impediu seguir mellorando a marca e tivo que conformarse cun bo sexto posto para o nivel que había, parando o crono en 11.23.

Jorge Puig quedou ás portas de entrar na final dos 800 metros; o resultado doe máis cando por tan só 6 centésimas entrou en meta en terceira posición da súa semifinal, mentres que o segundo con 1.57.20, foi o que entrou na final. O noveno posto conseguido na xeral da proba para nada é un mal resultado.

Darío Costas tamén participou na final de salto de altura, quedou cuns discretos 1,79 metros que lle deron o duodécimo posto da proba.

Para concluír a participación da Ximnástica, Elvira Okutu competiu no salto de lonxitude feminino, non tivo o seu día, chegando a saltar 4,95 o que lle impediu entrar entre as 8 mellores, alcanzando o décimo posto.

20 de xullo de 2014 | 21:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.