publicidade hoxe

A licitación do novo IES de Carral contará cun investimento de máis de 4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Carral, no marco da que comunicou que o seu departamento vai licitar nos vindeiros días as obras do novo IES do municipio. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cumprimento ao compromiso adquirido coas comunidades educativas deste concello, cun esforzo económico especialmente salientable nestes tempos de crise. De feito, contando con este centro, a Consellería ten destinado máis de 19,6 millóns en total para a licitación anunciada a semana pasada do novo IES de Culleredo, así como para a construción de un novo aulario de infantil en Betanzos, do CEIP de Nós (Oleiros), e do CEIP de Oroso.

Instalacións

Cun orzamento de licitación de 3,6 millóns de euros (co gasto en equipamento o orzamento para o centro superará os 4 millóns de euros) o novo IES de Carral distribuirase en dúas plantas, con 12 aulas de Educación Secundaria Obrigatoria, o que supón polo menos 360 prazas para alumnas e alumnos. O centro contará ademais na súa planta baixa con ximnasio, biblioteca, cafetería, aula de informática, zona de administración, despachos de dirección, sala para a Asociación de Nais e Pais do Alumnado, aseos adaptados á persoas con discapacidade, así como con zona de servizos e instalacións. Na planta primeira instalarase o taller de tecnoloxía, as aulas de música e de educación plástica e visual, o laboratorio de ciencias experimentais, 3 aulas de apoio, reforzo e desdobramento, seminarios e aseos de alumnado e profesorado.

O complexo educativo terá unha superficie construída total de 2.938,96 m2, e 139,42 m2 de patio cuberto. A estrutura do mesmo será de formigón armado, con cuberta inclinada na súa maior parte, de panel. As fachadas serán transventiladas, cunha solución novidosa de panel de vidro reciclado e revoque orgánico que asegura un óptimo comportamento enerxético do edificio, ao que contribuirá tamén a carpintería exterior do edificio, de aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre folla de vidro e laminar nas portas. Ademais, haberá falso teito acústico en todas as dependencias.

O novo centro servirá como complemento ao actual CPI Vicente Otero Valcárcel, respondendo a alta demanda de escolarización existente no concello.

21 de xullo de 2014 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.