publicidade hoxe

A A.E.F solicita a Fomento a limpeza e mantemento de viarios de Ferrol e Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaNarón
A-
A+

A Asociación de Empresarios Ferrolterra solicita ao Ministerio de Fomento que realice labores de conservación, mantemento e limpeza de diferentes viarias que discorren dentro do ámbito dos Concellos de Ferrol e Narón.

A A.E.F. solicitou que se proceda a realizar labores de mantemento nos seguintes viarios: FE-13 (Chea-Catabois), FE-12 (Freixeiro-Río do Pozo); N-655 (enlace FE-12 co Porto Exterior) e o tramo comprendido entre a saída 36-F, da AP-9 e a FE-15 saída A Malata.

A solicitude acompáñase dunha reportaxe fotográfica, que evidencia como a maleza está a cubrir a sinalización das vías, invadindo beirarrúas e bancos, sendo o viario Freixeiro-Río do Pozo uno dos máis afectados.

Esta situación dificulta a visibilidade aos usuarios das vías, provocando situacións de perigo, en zonas especialmente transitadas por unir diferentes áreas industriais. No caso da FE-13, que atravesa o polígono da Gandara, tamén se detectaron deficiencias na sinalización vertical e horizontal, borrado de liñas divisorias de carrís, pasos de peóns, falta de iluminación, etc. Estas peticións que os empresarios trasladaron a Fomento, veñen a sumar á realizada polo Concello de Narón.

O mantemento dos viarios interiores do Polígono Río do Pozo, é outro dos temas que abordará a A.E.F. nos próximos días.

A A.E.F. enviará aos Alcaldes de Ferrol e Narón, copia da documentación enviada ao Ministerio.

Este é un dos primeiros proxectos que inicia a A.E.F., despois da elección da nova Xunta Directiva que dirixirá a Asociación no período 2014-2018.

21 de xullo de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.