publicidade hoxe

Traballo investirá preto de 750.000 euros en catro obradoiros na área de Santiago que beneficiarán a 84 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BañaA CoruñaAmesLocal PortadaMelideNegreiraVal do Dubra
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar aprobou un total de catro obradoiros de emprego no área xeográfica de Santiago, nos que o departamento autonómico investirá preto de 750.000 euros para beneficiar a 84 persoas.

A conselleira der Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe en Ames a aprobación dun obradoiro para 22 alumnos no que a Consellería vai investir preto de 200.000 euros para a especialidade de traballos forestais.

Ademais do de Ames, neste área aprobáronse os dos concellos de Santiago con 23 alumnos e unha inversión de 200.000 euros para as especialidades de dinamización turística, deseño de páxinas web e albanelería; Negreira-Val do Dubra- A Baña, con 20 alumnos e un orzamento de 175.000 euros para traballos forestais e xardinería; e Melide, con 19 alumnos e 170.000 euros para atención sociosanitaria e xardinería.

Segundo explicou Mato, o programa suporá numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo nas especialidades de atención sociosanitaria, axuda a domicilio e albanelería.

Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade. A titular de Traballo lembrou que esta iniciativa “abre un importante espazo de colaboración cos concellos” no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos.

Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia da Coruña financiaranse 15 obradoiros, que beneficiarán a 32 concellos, contarán con 315 alumnos e un investimento de 2,8 millóns de euros.

Programa Integrado de Emprego

Doutra banda, Beatriz Mato aproveitou para entregar os diplomas aos participantes do programa integrado de emprego Plan InserAmes Brión, do que xa rematou a parte formativa, e que ofrece a 80 persoas desempregadas do concello unha oportunidade para mellorar a súa empregabilidade e acadar a inserción laboral grazas a un orzamento de 128.000 euros.

A responsable de Traballo explicou que “esta iniciativa está especialmente deseñada para mellorar a empregabilidade daquelas persoas que atopan dificultades para conseguir un posto de traballo” e que ten un obxectivo mínimo de inserción do 35%.

O Plan Arteixo Integra contou con dous tipos accións formativas: as especializadas e as transversais. Entre as especializadas, entre outros cursos, impartíronse os de eficiencia enerxética, operario de almacén, operario de caixa, atención e coidados a persoas dependentes e manexo de retroexcavadora

E, simultaneamente, os traballadores cursaron accións transversais como técnicas de busca de emprego, elaboración do currículum, autoemprego, informática, inglés ou prevención de riscos.

Por último, Mato indicou que nos últimos meses puxéronse en marcha 30 programas integrados de emprego por toda Galicia, tanto en colaboración con entidades de iniciativa social como con concellos, cun orzamento total de 2,5 millóns de euros, e preto de 2.200 beneficiarios.

2 de xuño de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.