publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A concentración parcelaria de Val de Alfoz dá un paso máis coa delimitación dos predios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAlfozLocal PortadaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, revisou hoxe en Alfoz os traballos de delimitación dos predios da concentración parcelaria Val de Alfoz, unhas tarefas que, segundo asegurou, serven como representación de que todo o proceso “dá un paso máis” e avanza cara ao remate do proceso.

Arias, acompañada polo alcalde do municipio de Alfoz, Emilio Lousas, indicou que con estes traballos “empeza a superarse un chanzo” que permite acercar o tramo definitivo do proceso de concentración, que engloba a máis de 1.500 propietarios.

As tarefas de deslinde dos terreos servirán para delimitar ás 2.701 parcelas nas que quedará dividido o espazo de 1.523 hectáreas que compón a área de concentración, na que se inclúen terreos correspondentes a seis núcleos de Alfoz: Adelán, Carballido, Castro de Ouro, Lagoa, San Pedro de Mor e Reirado. Inicialmente, o espazo da concentración estaba composto por 7.746 fincas.

A representante do Executivo galego sinalou que os traballos de replanteo e demarcación, cofinanciados con fondos Feader 2007-2013, contan cun orzamento de preto de 120.000 euros, que comportan que o investimento realizado ata o momento nesta concentración chegue a case cinco millóns de euros (4.953.535 euros).

Nesta concentración parcelaria foron executadas obras na rede de camiños principais, unhas actuacións que foron entregadas ao seu remate ao Concello de Alfoz, que ostenta agora a titularidade das mesmas.

A delegada destacou “as vantaxes” da concentración parcelaria, que non só posibilita un aproveitamento máis racional do terreo, senón que “posibilita que se proceda ao fin á regulación xurídica da propiedade de todas as fincas, a través da correspondente inscrición rexistral”.

A delegada territorial referiuse ao avance nas concentracións parcelarias que ten impulsado o actual Goberno da Xunta e incidiu na “importancia de impulsar a reestruturación da propiedade do solo no rural galego, excesivamente fragmentado, para conseguir un sector agrogandeiro máis competitivo”.

2 de xuño de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.