publicidade hoxe

Paradela celebra a XXV Feira de Ano e Festa de San Isidro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoParadela
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles Izquierdo, xunto ó Alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e ó Presidente da Asociación de Criadores de Raza de Rubia Galega (ACRUGA), César Dorado, presentaron este mércores a Feira de Ano e Festa de San Isidro. Deputación, Concello, ACRUGA, Ternera Gallega e ADESPA impulsan a vixésimo quinta edición desta feira, que terá lugar mañá.

López Izquierdo destacou que “é unha cita consolidada e estratéxica para un Concello onde a gandería é o piar da súa economía. Mostra disto, os reveladores datos de ACRUGA, nos que se contabilizan 80 explotacións de Paradela sumadas a este colectivo, das que proceden 3.000 exemplares de Rubia Galega. Dende 2011, incorporáronse 10 novas explotacións de Paradela a ACRUGA, feito que demostra que a gandeira é un sector en auxe”.

José Manuel Mato salientou que Paradela é un dos Concellos da provincia co maior número de explotacións de vacún de carne. O Alcalde lembrou as orixes deste evento, que se comezou a celebrar para conservar as feiras de gando nos pobos tralo declive que viñan sufrindo, e apuntou que “esta feira é un homenaxe ós labregos”.

Programación
A Feira de San Isidro abrirá as súas portas mañá, 15 de maio, ás 10:00 horas, coa exposición de gando de Raza Rubia Galega e Frisón, coa que colabora ACRUGA. O recinto feiral acollerá unha mostra de maquinaria agrícola e de artesanía con 35 expositores. O Centro Social Manuel Oreste Rodríguez ofrecerá unha mostra de manualidades e pintura, organizada pola Asociación de Mulleres de Paradela, que se poderá visitar dende as 11:00 e ata as 18:00 horas. A procesión de San Isidro, que terá lugar ás 17:00 horas, contará con entre 4 e 5 carros tradicionais. Haberá un espectáculo de maxia ás 20:15 horas. A cita rematará cun evento gastronómico, no que se espera repartir entre 500 e 600 racións de churrasco, acompañado por pan de Paradela e viño da Ribeira Sacra, e verbena a partir das 23:00 horas.

14 de maio de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.