publicidade hoxe

O V Ciclo de concertos didácticos de órgano de Celanova porá en valor o patrimonio musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal PortadaOurense
A-
A+
Sesión do programa na igrexa de San Salvador

Sesión do programa na igrexa de San Salvador

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe coa posta en valor do patrimonio musical a través do seu apoio á quinta edición do Ciclo de Concertos Didácticos de Órgano do Concello de Celanova, no que participan alumnos e alumnas de música de centros educativos de toda Galicia.

A igrexa de San Rosendo de Celanova acolleu hoxe novas sesións do ciclo, impartido pola especialista Marisol Mendive. Á primeira delas asistiu esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na que participaron preto de 20 alumnos do IES Universidade Laboral de Ourense. Estudantes do IES Xesús Taboada Chivite de Verín e do CPR Pablo VI de Fátima da Rúa tamén participaron hoxe neste ciclo, que lles permite aos alumnos e alumnas afondar no coñecemento histórico do órgano e tamén interpretar conxuntamente co órgano pezas preparadas previamente nos seus centros de ensino con instrumentos como a frauta, no marco do desenvolvemento do concerto didáctico.

Ata o vindeiro mes de xuño, estudantes de toda Galicia terán ocasión de participar neste programa promovido polo Concello de Celanova coa colaboración da Consellería, que conta cunha dobre vertente educativa e cultural e que se basea en sesións de 50 minutos nas que o alumnado ten a oportunidade de coñecer as partes do órgano, o seu funcionamento e materias dos que se compón ou as formas musicais organísticas de distintas épocas.

Ademais, o ciclo aborda o valor do espazo arquitectónico no que se realizan os concertos e ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas polo mosteiro de San Rosendo, así como percorridos máis amplos por espazos de interese cultural do concello ourensán de Celanova.

Programación en espazos do patrimonio cultural

Nesta mesma liña de apoio a programas de dinamización en espazos do patrimonio cultural galego, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad vén promovendo diversas iniciativas. Entre elas destacan Espazos Sonoros, o ciclo de referencia de programación musical e escénica da Xunta de Galicia en bens arquitectónicos das catro provincias, e Monumenta, consistente na realización de obradoiros e actividades de participación social, prota-gonizadas pola veciñanza e colectivos do lugar, dirixido á posta en valor de espazos arquitectónicos situados maioritariamente en áreas rurais nos que se están a realizar intervencións de restauración.

6 de maio de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.