publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O plan de axudas ó medio rural permite o acondicionamento dun local social para os veciños de Alto da Torre, en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, xunto á portavoz socialista en Foz, Rosa Pérez Gradaille, e a concelleira pola parroquia de Fazouro, Ana Villarino Alonso, supervisaron este luns os traballos de acondicionamento dun local social que a Deputación de Lugo financiou no núcleo de Alto da Torre, en Fazouro, con cargo ó seu plan de axudas ó medio rural.

O organismo provincial destinou 6.000 euros ás obras, que foron solicitadas pola Asociación Cultural Gastronómica e Deportiva San Salvador. Con esta achega económica, dotouse o local social, destinado a reunións veciñais e actividades lúdicas, culturais ou formativas, de subministro eléctrico e auga, acondicionáronse as paredes e o chan,  e colocáronse fiestras e azulexos.

As obras enmárcanse dentro do plan provincial de axudas ó medio rural, que conta cun orzamento de 300.000 euros, asumidos pola entidade luguesa na súa totalidade. Estas axudas están dirixidas a mellorar accesos rurais e explotacións, acondicionamentos de fontes e cercados de pastizais, puntos de recollida de plástico e a construción de curros para o gando, así como a mellora de dotacións sociais.

Un total de 59 asociacións de 48 concellos da provincia recibiron subvencións con cargo a este programa, a través do que a Deputación outorga ata un máximo de 6.000 euros por colectivo. O 46% das obras realizadas son acondicionamentos de camiños e cunetas, que melloran de xeito significativo a calidade de vida da xente pois facilita o acceso ás zonas máis rurais. A canalización de auga é outra das obras máis realizadas acadando o 18% do total.

5 de maio de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.