publicidade hoxe

Achéganse 314.000 euros para as obras de mellora do Auditorio Carmen Estévez de Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a execución de obras de adecuación e mellora do auditorio municipal Carmen Estévez.

A Xunta financia o 100% desta actuación necesaria que supón unha achega económica de máis de 314.000 euros. Este investimento permitirá poñer fin aos problemas de filtracións de auga da chuvia coa rehabilitación da cuberta que se vai executar e implica tamén as reparacións interiores necesarias.

Hernández explicou que “esta obra é un exemplo das actuacións que estamos a desenvolver a través do Plan Hurbe, que desde a súa posta en marcha en 2010 leva propiciadas un total de 78 actuacións, cun investimento de preto de 90 millóns de euros”.

As obras, que está previsto que comecen a finais do verán, finalizarán antes de que remate este ano. Trátase do equipamento público municipal por excelencia que posúe o concello de Vilalba para prestar servizos de tipo cultural, no cal se celebran actuacións musicais e espectáculos teatrais, entre outros eventos.

Actualmente o edificio sofre numerosas filtracións de auga de chuvia, o que fai que algunhas dependencias non poidan ser utilizadas. As actuacións obxecto do presente convenio teñen a seguinte finalidade:

• Rehabilitación e reparación da cuberta do auditorio: proponse un sistema de cuberta de bandexas de aceiro sobre subestrutura metálica fixada ao soporte de cemento. Os petos resólvense de xeito idéntico ao resto da cuberta, na procura da uniformidade construtiva. Colocaranse gárgolas-aliviadeiros de augas pluviais e executarase ademais un sistema para ventilación das cámaras, en substitución do illante actual.

• Reparacións interiores: centrarase na recuperación da pel interior do edificio, revestimento de paramentos con taboleiro de aglomerado de densidade media aglutinado con resinas sintéticas, falsos teitos de paneis acústicos perforados do mesmo material, falsos teitos de paneis acústicos de viruta de madeira fina de cemento branco, falsos teitos de escaiola e pintura plástica en paredes e vernizado de molduras e carpintarías de madeira.

Outros investimentos

A sinatura deste convenio supón a certificación da aposta da Xunta de Galicia pola provincia de Lugo, á que segundo explicou o conselleiro Agustín Hernández “destinaremos este ano 58 millóns de euros dos nosos orzamentos”.

Neste plan para o acondicionamento de espazos públicos, Plan Hurbe, está incluído, por exemplo o auditorio de Lugo, que este ano conta cun orzamento de 8,13, para garantir o seu remate en 2015.

A Consellería de Medio Ambiente leva investidos preto de 63 millóns de euros en actuacións en Vilalba desde 2009. Destacan proxectos como a autovía Ferrol- Vilalba (treito Cabreiros-Autovía do Cantábrico), cun investimento de 50,9 millóns de euros; ou a a fase II da ampliación do Polígono Empresarial de Vilalba, con case 1,5 millóns de euros de investimento.
 

30 de maio de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.