publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo dota de equipamento ao auditorio de Chantada e mellora accesos en Paradela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugoParadela
A-
A+

A Xunta de Goberno deste venres aprobou novas actuacións en Chantada e Paradela, con 220.000 euros do canon. Son a contratación do mobiliario e do equipamento para o auditorio municipal chantadino, por valor de 90.000 euros, e a mellora de accesos no municipio paradelense, con 130.000 euros. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, lembrou que o auditorio de Chantada xa foi construído con case 1 millón de euros da Deputación, tamén con cargo ó canon. No caso de Paradela, Porto destacou que con este investimento, queda saldada a débeda do canon neste municipio.  

A Deputación xa achegou a Paradela mediante o canon outros 265.600 euros para obras executadas. As novas actuacións, acordadas co Alcalde en base ás demandas dos veciños e ratificadas pola Xunta de Goberno, son: acondicionamento de accesos en Sesmonde, Vilabite e de Cortes ó cruce de Pacios, por valor de 48.800 euros; acondicionamento de accesos en Bacorelle-Vilachá e de Cerxedo-Zouro-Matanza, con 36.400 euros; e acondicionamento de accesos Riocabo da Cima e San Martín de Castro, por valor de 45.000 euros. “Polo tanto, este Goberno Provincial pon fin á histórica débeda do canon que arrastraba a Deputación con este municipio, con preto de 400.000 euros”, remarcou a vicevoceira.

Son 13 os Concellos con produción hidroeléctrica e sen sentenza favorable onde a Deputación liquidou, definitivamente, a débeda do canon, achegando 5,8 millóns de euros para melloras de dotacións públicas. Trátanse do Saviñao, Portomarín, Guntín, Carballedo, Pantón, Quiroga, A Pobra do Brollón, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Taboada, Sober, Monforte e Paradela. Só restan pequenas actuacións en Ribas de Sil e O Páramo.

Plan enerxético

A sesión acordou iniciar a contratación de novo material enerxético para Palas de Rei, Xove, Sober e Quiroga. Trátanse dunhas actuación enmarcadas no plan enerxético da Deputación, que aforra a estes Concellos máis de 135.000 euros. Este aforro distribúese do seguintes xeito: 40.000 euros coa auditorías enerxéticas que se realizaron dende a Axencia Provincial da Enerxía; 82.300 euros coa compra e instalación dun total de 1.000 novos compoñentes enerxéticos para os alumeados públicos e edificios municipais; e 15.100 euros, que é a cantidade na que verán reducida a súa factura pola luz ó ano.

Outros acordos

Finalmente, a sesión aprobou as contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de Lourenzá e Sober, con 17.400 euros da Deputación, ó tempo que ratificou o convenio de colaboración co Concello de Viveiro mediante o cal a Deputación achegou 30.000 euros para a celebración da Semana Santa.

26 de maio de 2014 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.