publicidade hoxe

Xestur Galicia e Concello de Castro de Rei asinan un convenio de colaboración para a ampliación do parque empresarial de Castro de Riberas de Lea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e presidenta de Xestur Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde de Castro de Rei, Javier Balado asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre Xestur e o concello de Castro de Rei, para a preparación de solo con destino á futura ampliación do parque empresarial de Castro de Riberas de Lea.

O convenio establece que a futura ampliación do parque empresarial de Castro de Riberas de Lea se asentará nunha superficie de aproximadamente 4,43 hectáreas propiedade do concello, que cederá os terreos a Xestur obtendo en contraprestación un 5 por cento do aproveitamento lucrativo tipo da área de reparto, que se concretará nunha parcela de resultado. Ademais o concello recibirá un 10 por cento obrigatorio do aproveitamento tipo da área de reparto.

Pola súa parte, Xestur redactará o proxecto da figura de planeamento que corresponda para a ordenación deste ámbito e presentarao ao organismo competente para a súa tramitación, de conformidade coa lexislación vixente. Tamén redactará e presentará ao Concello, para a súa tramitación e aprobación, o Proxecto de Urbanización. As obras de urbanización so se executarán cando exista demanda contrastada de solo.

O concello concederá licenza de movemento de terras para a preparación do solo no que se asentará a futura ampliación do parque empresarial, que é moi irregular ao tratarse dunha zona de antigas graveiras.

O parque empresarial de Castro de Riberas de Lea é un dos máis dinámicos da provincia de Lugo e conta na actualidade con máis de 250.000 metros cadrados de superficie total, vendidos na súa totalidade.

4 de abril de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.