publicidade hoxe

Os Bolechas visitan Sober para presentar a guía que recolle a súa excursión á localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Os Bolechas en Sober

Os Bolechas en Sober

Preto dun centenar de nenos e nenas de Sober recibiron hoxe con entusiasmo aos Bolechas no Centro Sociocultural de Sober. Os personaxes acudiron á localidade para presentar a súa guía turística Os Bolechas van a Sober. O seu autor, Pepe Carreiro, asinou un volume para cada neno. Ao remate do acto, todos xuntos fixeron un pasarrúas polo centro da localidade encabezado polo seu colorido automóbil.

A publicación Os Bolechas van a Sober fai un percorrido polos lugares máis emblemáticos e polos referentes turísticos do Concello.

O volume recolle a excursión que os Bolechas fan a Sober na que se achegan, xunto co seu can Chispa, a varios dos miradoiros do Canón do Sil, aos viñedos de Amandi, aos muíños dos Chancís ou aos petroglifos de Proendos. O libro inclúe capítulos coa visita a algunha das igrexas románicas do municipio, unha viaxe que os personaxes fixeron no catamarán polo Sil e outra no tren turístico de Doade.

No volumen pode verse como os Bolechas aprenden en Sober a facer unha peza de alfarería de Gundivós, asisten a un concerto da Banda de Música e tamén participan na Feira do Viño de Amandi.

A edición inicial foi de 1.000 exemplares e os nenos e nenas recibiron hoxe un como agasallo para conmemorar o Día do Libro.

Quen son os Bolechas?

Os Bolechas son desde fai máis de 10 anos a revelación editorial en Galicia e son, á súa vez, os protagonistas da máis importante e exitosa serie da nosa literatura infantil. Con máis de 200 títulos publicados e preto de 1.000.000 de exemplares distribuídos, causan furor e contan cun verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, converténdose nun auténtico fenómeno cultural galego.

O seu éxito, en palabras do seu creador, Pepe Carreiro, débese a que os seus protagonistas, seis irmáns (Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia, o pequeno Tatá e o seu incondicional can Chispa) viven aventuras nas situacións e realidades cotiás dos nenos: a escola, a casa, o parque, o autobús, a praia. Esta proximidade, a súa linguaxe, a súa forma de expresarse, é o que fai que os nenos se sintan cómplices e coprotagonistas da súa aventuras.

Pero ademais, Os Bolechas son cultura raíz e contribúen á divulgación e a formación, mediante o lecer e o divertimento dos escolares de Educación Infantil e de Primaria de Galicia.

Unha singularidade e un trazo diferencial de Os Bolechas é que é unha serie creada e desenvolvida en Galicia e que ademais utiliza o galego na súa versión orixinal, xogando un importante papel na promoción e difusión do idioma.

5 de abril de 2014 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.