publicidade hoxe

O pleno de Frades aproba destinar 132.000 euros do DTC 93 a arranxos de pistas nas parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para destinar os 132.114 euros do DTC 93 da Deputación da Coruña a arranxos de pistas nas distintas parroquias do municipio. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “cos fortes temporais deste inverno son moitas as necesidades e penso que escollemos as pistas onde hai unha maior necesidade. Somos conscientes de que quedan moitas máis polo que faremos un bacheo das zonas máis afectadas e buscaremos o xeito de arranxar as demais”.

O pleno municipal aprobou os tres proxectos de arranxo de pistas incluídos no DTC 93 para este 2014. O primeiro dos proxectos actuará sobre pistas das parroquias de Abellá, Aiazo, Galegos e Moar, cun investimento de máis de 48.000 euros. As pistas que se arranxarán serán: Pumariño-O Castro, pista de acceso a O Pazo e pista de Fontao de Abaixo (na parroquia de Abellá); a pista entre Torre e Fonsa (Aiazo); os accesos a Outeiro e a pista entre Vistalegre e Agro do Castro (Galegos); e os accesos a Barazón (Moar).

Tamén se investirán outros 48.000 euros no arranxo de pistas en Céltigos, Vitre, Ledoira e Añá. Os arranxos de pistas que se acometerán son os seguintes: Alempante-Pista de Boado e Aboy a Ulloa (Céltigos); pista de Vilarxoán (Vitre); pista entre a cooperativa e Vilar (Ledoira); e pista de acceso a Sanamil e arranxos en Buzamonte (Añá). O terceiro proxecto destinará 35.000 euros ao arranxo de pistas en Papucín, Frades e Mesos. Neste caso, arranxaranse a pista entre Outeiro e Areosa, os accesos a Vimieiro e a pista de acceso a Zochal (Papucín); a pista de San Mauro e os accesos a Reirís (Frades); e a pista entre Caboladrón e Panica (Mesos).

Sede electrónica

O pleno municipal tamén aprobou por unanimidade a creación da sede electrónica do Concello de Frades, a cesión da súa xestión na Deputación da Coruña e a correspondente Ordenanza Municipal de Administración Electrónica. “Son servizos gratuítos e imos implantar primeiro aqueles máis sinxelos para despois ir incluíndo moitos máis”, explicou Roberto Rey. Deste xeito, a través da páxina web do Concello de Frades (www.concellodefrades.es), os veciños e veciñas poderán ter acceso progresivamente a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc.

Así mesmo, o pleno municipal aprobou a creación da ordenanza reguladora da taxa polo inicio ou modificación de actividade, cos 6 votos a favor do grupo de Goberno e as 3 abstencións dos grupos da oposición. A ordenanza establece un custo da licenza de inicio ou cambio de actividade en función da superficie do negocio, a razón de 3,3 euros por metro cadrado. O alcalde de Frades indicou que “é a base impoñible que se está empregando nos municipios da nosa contorna pero que, no caso de explotacións agrogandeiras, será de 0,17 euros por metro cadrado, xa que lle aplicamos unha bonificación do 95% sobre a cota xeral, que é o máximo que nos permite a lei”. Roberto Rey explicou que “é unha ordenanza que non existía en Frades e temos que aprobala porque así nos obriga a Lei”.

O pleno tamén aprobou dous regulamentos municipais a instancias da Xunta de Galicia: o primeiro para abastecemento de auga e saneamento e o segundo sobre verteduras á rede de saneamento. Segundo o concelleiro de Economía, Manuel Marzoa, trátase de ordenanzas tipo elaboradas entre a empresa adxudicataria do servizo e Augas de Galicia. “O único cambio que fixemos foi no prazo para presentar reclamacións, que era de 48 horas e nós o fixamos en 15 días”, explicou Manuel Marzoa. Ambos regulamentos foron aprobados, o de verteduras cos 9 votos a favor do Grupo de Goberno e do BNG, e a abstención do PSOE; e o segundo cos 6 votos a favor do Grupo de Goberno e as 4 abstencións da oposición.

Por último, o pleno aprobou por unanimidade presentar unha segunda queixa diante da Consellería de Economía e Industria e a empresa Repsol polos continuos desabastecementos que sofren os clientes da gasolineira de Ponte Carreira. O alcalde recoñeceu que “cando se fixo a primeira reclamación xurdiu efecto, pero só foi temporal e cada vez é máis común que non haxa subministro e a xente teña que ir dúas ou tres veces para repostar”. Todos os grupos municipais acordaron instar á empresa a prestar un servizo en condicións ou renunciar á instalación.

Mocións

Na quenda de mocións, aprobouse por unanimidade unha moción sobre a reforma do aborto presentada polo BNG e emendada polo PP, de xeito que o Concello de Frades instará ao Goberno do Estado a mellorar o anteproxecto de lei do aborto buscando o máximo consenso entre as distintas forzas políticas e sociais, tomando como referencia a Lei de 1985 e dentro dos límites establecidos polo Tribunal Constitucional. A outra moción do BNG, que denunciaba o desmantelamento do servizo do 065, decaeu cos 6 votos en contra do Grupo de Goberno, a abstención do PSOE e os 3 votos a favor do BNG. Roberto Rey explicou que “entendemos que non hai desmantelamento senón que hai un cambio de modelo para que sexa máis efectivo, de xeito que o 065 servirá como transporte puntual, tal e como foi concibido polo propio bipartito”, polo que pediu un voto de confianza na Xunta de Galicia.

1 de abril de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.