publicidade hoxe

O Concello de Cabanas desminte as falsas informacións acerca do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O próximo luns 28 de abril rematará o prazo de exposición pública tanto do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Cabanas como dos convenios asinados que desenvolven o planeamento en diversas zonas do municipio. Nestes dous meses que estivo a exposición, todos aqueles interesados puideron achegarse a comprobar a planificación, así como recibir asesoría técnica por parte dos redactores e presentar se así o consideraban oportuno as precisas alegacións ó mesmo.

Sen embargo, dende a Alcaldía de Cabanas quere desmentirse algunhas informacións erróneas que se están transmitindo e que o único interese que están a mostrar é o de manipular e sementar o medo entre a cidadanía aportando datos falsos en moitas ocasións.

Ante todo cabe resaltar que o PXOM é un instrumento de ordenación do territorio municipal, non un proxecto para levar a cabo obras. Trátase dun documento que servirá para planificar o urbanismo do municipio e que recolle previsión a longo prazo. O que se prevé no PXOM non significa que vaia ser levado a cabo de forma inmediata, senón que se busca unha ferramenta que poida ser útil durante os próximos anos.

Cabe recordar sen ir máis lonxe que as Normas Subsidiarias de 1988, que son as que actualmente están en vigor no Concello de Cabanas, tiñan en previsión a construción dun número practicamente similar de novas vivendas. Non é certo por tanto que con este novo PXOM se estea a promover un “pelotazo” urbanístico. Compre lembrar unha vez máis que o que se recolle no PXOM son as posibilidades de crecemento a longo prazo e non un proxecto construtivo.

Serán posteriormente os propietarios os que decidan se levan a cabo as obras, nunca o Concello, que se limita a ordenar o territorio. Resulta tamén falsa a acusación de querer construír un centro comercial en Cabanas. Dentro das previsións de construción, resérvase unha parte para locais de uso comercial pero que non é dende logo a previsión dun centro comercial que non tería sentido nun concello do tamaño de Cabanas. Esta errónea interpretación non ten sentido se non hai tras dela o interese de desinformar e asustar á veciñanza.

Sen embargo en toda esta información que se está dando acerca do PXOM non se fai referencia á previsión de construción de vivendas sociais, algo do que actualmente carece o Concello de Cabanas. Trátase este dun gran beneficio para o municipio do que non se fan eco.

O proceso de aprobación do PXOM foi en todo momento transparente e claro a pesar de que se intente facer crer o contrario con publicacións en prensa nas que se asegura que os convenios non se fixeron públicos. Unha vez máis non interesa a verdade, senón difamar e mentir, xa que todos estes convenios puideron ser revisados por quen así o desexase nas dependencias do Concello Vello, onde se expuxeron xunto co resto da documentación relativa o PXOM.

O que si parece certo é que existe un interese por enganar e provocar o medo pola aprobación do PXOM. Entre as moitas mentiras que se están a transmitir está a de que o Concello de Cabanas pretende derrubar urbanizacións e vivendas. En ningún momento se vai a derribar vivenda nin construción algunha. Nada do que se levantou con licenza na actualidade vai quedar fóra de ordenación. Serán as novas construcións as que se teñan que adaptar segundo o disposto neste PXOM, como é normal e habitual en toda normativa deste tipo.

Acusar ó PXOM de graves irregularidades, de danar o medio ambiente e dun descoñecemento do entorno é tamén unha falsa acusación, xa que o mesmo antes de ser posto a exposición pública tivo que pasar o trámite de ser informado por numerosos organismos como a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Demarcación de Costas do Estado en Galicia ou o Ministerio de Fomento, encargados de velar por un documento respectuoso e de acordo coa lexislativa actual.

24 de abril de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.