publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Invístense 224.000 euros na mellora do estado da estrada de Cambás a Irixoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArangaIrixoaLocal Portada
A-
A+
A estrada de Cambás a Irixoa poderá ser reformada proximamente grazas a un acordo entre a Deputación Provincial e os concellos de Aranga e Irixoa. Os seus alcaldes firmaron hoxe un convenio co presidente Diego Calvo polo cal a institución provincial investirá ata 224.000 euros na súa reparación, o que supón o 80% do custe total das obras, que chegarán aos 280.000 euros.

Os traballos afectarán a un tramo de viario de cada municipio e, polo tanto, favorecerá aos veciños de ambas localidades, que poderán circular por unha estrada de maior envergadura que ata o de agora. Os residentes nas distintas parroquias destas localidades, especialmente nas de Verís e Cambás, utilizan a diario este viario para acceder ao núcleo de Irixoa, onde se encontran a maioría dos servizos básicos como bancos, gasolineiras, comercios…  

Polo tanto, trátase dunha obra importante para estes municipios que se desenvolverá ao longo de máis de seis quilómetros de estrada. En concreto, en Aranga actuarase sobre unha superficie de 2.650 metros de longo, que actualmente conta con 3,5 metros de ancho e ampliarase a catro. Deste xeito, o tramo equipararase ao ancho que xa ten a estrada ao seu paso por Irixoa. Nesta outra localidade as obras alcanzarán os 3.600 metros.

Os traballos consistirán no acondicionamento e mellora da capa de rodadura da vía para facilitar a circulación dos veciños. Así mesmo levarase a cabo a correspondente limpeza, nivelación e rasanteado da explanada, así como a apertura das cunetas en ambas marxes e a formación de beiravías, se é preciso. Ademais limparanse tamén as sinais de circulación para facilitar a súa visibilidade. 

2 de abril de 2014 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.