publicidade hoxe

Diego Calvo gaba o labor da asociación de comercio de Betanzos na “dinamización” da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzosLocal Portada
A-
A+
O presidente da Deputación, Diego Calvo, mantivo un encontro coa presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (Acebe), Antonia Anido Díaz, no que se analizou a situación actual e o traballo conxunto que poderían desenvolver ambas entidades.

Durante a reunión, Calvo aproveitou para felicitar a Anido Díaz polo labor que vén desenvolvendo esta agrupación a favor, non só do municipio brigantino, senón de toda a comarca. “As súas accións son un dinamizador económico para todo o entorno”, declarou o titular provincial.

Entre as súas actividades destaca a Campaña de Nadal, que se leva celebrando varios anos de forma continuada coa axuda da Deputación e que rexistra un gran éxito de asistencia. Segundo afirma a propia presidenta de Acebe, a pista de xeo que se incorporou nas últimas edicións é o que máis está atraendo aos veciños do entorno, co que iso supón para os comercios e locais de hostalería de Betanzos.    

Así, Antonia Anido agradeceu a “colaboración permanente” que sempre mantivo esta entidade provincial cos seus programas e iniciativas co fin de dinamizar o comercio local.

A Deputación leva anos colaborando con esta asociación polo que representa para Betanzos. O presidente da institución provincial valorou o activa que é esta entidade e animou á súa portavoz a seguir traballando nesta liña para seguir atraendo visitantes.

23 de abril de 2014 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.