publicidade hoxe

A Escola de Emprendedores da Coruña pecha o seu primeiro balance de actividade con 749 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Escola de Emprendedores puxo en marcha desde a súa apertura, o pasado 2 de xaneiro, máis de 20 accións formativas -superando as 500 horas de formación- dirixidas a promover o emprendemento e ás que acudiron un total de 749 persoas, segundo os datos do primeiro balance de actividade do centro impulsado pola Concellaría de Emprego e  Empresa para fomentar a actividade empresarial na Agra do Orzán.

A maior parte das accións consistiron en cursos de formación en ferramentas de xestión para emprendedores, en talleres sobre finanzas, procesos e produtos, seminarios e na celebración de videoconferencias internacionais da man de expertos e emprendedores de recoñecido prestixio.

O curso Avanza, de 250 horas de duración, cuxo obxectivo é adquirir destrezas para xestionar empresas de forma coherente e cuxo grao de formación é comparable ao mellor máster en xestión de empresas, comezou o pasado marzo coa totalidade das súas prazas cubertas (20).

Até o momento, a maioría dos usuarios da Escola de Emprendedores  (oito de cada dez) son persoas que desexan pór en marcha un proxecto empresarial e o 20% restante trátase de empresarios que desexan ampliar a súa actividade ou modernizar os seus negocios.

A Escola de Emprendedores desenvolve a súa actividade na escola de negocios de Novacaixagalicia, no número 31 da rolda de Nelle, e ofrece cursos en diferentes formatos e a previsión é impartir 1.830 horas de formación ao longo de 2014. A diferenza doutros centros, non son os alumnos quen elixen que curso desexan facer, senón que é a escola a que decide que programa formativo é o máis adecuado ao alumno en función do seu perfil e coñecementos.

Cun elevado nivel de esixencia, as accións formativas impartidas na Escola de Negocios realízanse no marco do programa Urbana C para revitalizar a Agra do Orzán e é un proxecto cofinanciado ao 80% con fondos europeos Feder. O seu orzamento total é de 400.000 euros.

CURSOS DE ABRIL

A programación do mes de abril da Escola de Emprendedores céntrase en dous aspectos fundamentais para a empresa: a mercadotecnia e o cliente. Así, impartiranse talleres dirixidos á formación na diferenciación a través da atención plena e a calidade do servizo, tema que aborda o seminario Coidando ao cliente (28-30 de abril) ou aspectos básicos como a importancia de coñecer o mercado e a súa contorna, materias nas que se basea o taller Definindo o mercado ao que me dirixo e os seus procesos (21-23 de abril).

As persoas interesadas en inscribirse nos cursos poden informarse, de luns a venres e en horario de 09.00 a 19.00 horas nas instalacións da Escola de Negocios, na páxina web www.emprendedorescoruna.es e no número de teléfono 981 18 50 35.

16 de abril de 2014 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.