publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizan as obras de mellora do firme da OU-537 ao seu paso polo parque empresarial de Pereiro de Aguiar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente vén de rematar as obras de mellora do firme da OU-537 (A Medorra – A Derrasa), ao seu paso polo concello de Pereiro Aguiar. As actuacións afectan a un treito de 3 quilómetros comprendido entre os puntos quilométricos 1+250 e o 4+160. A estrada OU-537 encádrase dentro da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia e é un acceso habitual ao Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, ademais dos accesos ao Complexo Polideportivo de Monterrei, do Parque Tecnolóxico de Galicia e do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

O importante deterioro que presentaba esta vía, con numerosas e profundas fendas, fixo necesaria e urxente a actuación do departamento autonómico que dirixe Agustín Hernández.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería, José César Losada, desprazouse esta mañá ata esta estrada para supervisar a finalización dos traballos que consistiron na reparación e reforzo superficial do firme coa fresadura de 12.000 m² e que comezaron no mes de setembro e que tiveron que suspenderse por mor das condicións climatolóxicas. A capa asfáltica empregada, é unha fórmula que, segundo os técnicos, precisou unhas condicións de temperatura e humidade determinadas para garantir un resultado satisfactorio.

Na visita Rogelio Martínez tamén estivo acompañado polo presidente e vicepresidente dos empresarios do Parque empresarial desta localidade, Mario Da Costa e Eduardo Cid, respectivamente.

O máximo representante do Executivo galego na provincia explicou a entidade dos traballos incluídos neste proxecto, que foron solicitados polo alcalde e polos empresarios desta zona industrial debido ao tránsito que rexistra esta vía. No Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar hai actualmente 79 empresas, das que algo máis de 40 se integran na citada asociación empresarial. Esta actuación contou cun presuposto de 698.000 euros.

Segundo o delegado territorial, as obras fomentarán o desenvolvemento económico e social deste concello, beneficiando a actividade empresarial das industrias emprazadas na zona. Ademais de ofrecer unha rede máis eficaz e cómoda, estas actuacións mellorarán a seguridade viaria desta estrada autonómica que beneficiará a un total de 119.000 habitantes dos concellos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

12 de marzo de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.