publicidade hoxe

O Concello de Sober participa cun stand propio na mostra Xantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober contará un ano máis cun stand promocional na Mostra Xantar en ExpoOurense, entre os días 5 e 9 de febreiro. O domingo día 9 estará dedicado ao Concello de Sober. O público poderá participar ao mediodía dunha degustación de viño de Amandi e galo de Corral por cortesía dos Concellos de Sober e Vila de Cruces.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca a posibilidade que ofrece esta cita gastronómica para “dar a coñecer a localidade e axudar na promoción da XXXIV Feira do Viño de Amandi de 2014”, que se celebrará coincidindo co sábado e domingo de Ramos, os días 12 e 13 de abril.

Presentación de material turístico

O Goberno local aproveitará a asistencia á mostra Xantar para presentar os folletos sobre os nove miradoiros que ten o Concello de Sober, así como para facer entrega ao público asistente de diverso material turístico, entre o que se atopa a guía con todas as adegas da localidade amparadas pola D.O. Ribeira Sacra.

O stand acollerá ademais información dos establecementos de Sober relacionados co sector turístico, como o tren turístico de Doade, a oferta de casas de turismo rural, a olería de Gundivós, as empresas dedicadas a actividades turísticas e de ocio, os produtores de mel ou a Escola de Hostalería.

A inscrición das adegas para participar na feira seguirá aberta ata o 15 de febreiro.

4 de febreiro de 2014 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.