publicidade hoxe

A Deputación de Lugo destinará 1 millón de euros a mellorar as comunicacións viarias de Láncara, As Nogais e Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisBecerreáLáncaraLugo
A-
A+

A Xunta de Goberno Provincial deste venres acordou iniciar a contratación de obras de mellora en infraestruturas viairas de Becerreá, As Nogais e Láncara por valor de 1 millón de euros, financiados ó 100% pola Deputación. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que se tratan de actuación do Plan de Obras e Servizos, que levaremos a cabo nas seguintes estradas provinciais:

1.- LU-P-0707, de Armesto por Torés ás Nogais. Martínez salientou que se trata da estrada que fai de acceso dende Becerreá e As Nogais ata a A-6, así como a Sarria, polo que rexistra un gran volume de usuarios. O voceiro destacou que “acondicionaremos 5,5 quilómetros. Dende o punto quilométrico 0,500 ó 6,000. Concretamente, do 0,500 ó 3,600 discorre por Becerreá, e dende o 3,600 ó 6,000 polas Nogais. As actuacións que levaremos a cabo consisten na mellora do trazado e do firme, acondicionamento de curvas e incremento do ancho, pasando dos 4,30 metros ós 7,20 metros. O prezo de licitación destes traballos é de 544.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación”.

2.- LU-P-2703, de A Pobra de San Xiao a Carracedo. É o principal acceso dos núcleos desta zona cara Láncara. Anteriormente, a Deputación xa mellorou un treito desta vía. Exactamente, o que discorre dende o quilómetro 0,000 ó 2,335, achegando, para elo, 300.000 euros do organismo provincial. Martínez adiantou que “agora, dispoñémonos a arranxar outros 4 quilómetros desta estrada, dende o punto quilométrico 2,335 ata o 6,050.

Os traballos que realizaremos son os seguintes: ensanche da vía, pasando dos 4,30 metros ós 6 metros; mellora do firme con aglomerado en quente, eliminación de curvas, sinalización horizontal e vertical, e colocación de biondas e ollos de gato. O prezo de licitación destas actuacións é de 509.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación”.

En total, tendo en conta as actuacións levadas a cabo con anterioridade e as que se van a acometer agora, a Deputación mellora máis de 6 quilómetros da estrada de A Pobra de San Xiao a Carracedo, con máis de 800.000 euros.

17 de xaneiro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.