publicidade hoxe

Publícase a aprobación definitiva do PXOM do Concello de Vilamartín de Valdeorras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

Este planeamento urbanístico, que protexerá e planificará o desenvolvemento do municipio nos vindeiros 20 anos, ordena o territorio dun concello que consta dunha superficie de 88,32 km2 e unha poboación de preto de 2.000 habitantes.

Este novo plan, que se corresponde co décimo aprobado definitivamente na presente lexislatura, substitúe a Delimitación de Solo Urbano (DSU) de 1995 pola que se rexía o municipio ata o momento, ofrecendo á súa vez maior seguridade xurídica á realidade urbanística.

Cómpre destacar que o solo rústico ocupa o 98,22% da superficie total do concello. A práctica totalidade do mesmo (97,97%) ten algún tipo de protección Máis da metade da superficie (61,82%) son espazos naturais, como a Serra do Cereixido, e tamén ten un peso importante a superficie forestal (21,06% do concello). Ademais o PXOM recoñece 22 asentamentos individualizados de solo de núcleo rural.

No que se refire a solo urbano, o plan dispón 2 núcleos urbanos: Vilamartín de Valdeorras e Valdegodos. O novo planeamento urbanístico alberga unha capacidade residencial de 2.069 vivendas, das que 1.430 correspóndense coas existentes e 639 coas novas.

Respecto ao solo industrial, o plan regulariza o xa construído e prevé maior superficie para futuras necesidades. Así, contempla dous desenvolvementos de uso industrial, A Sobreira e Arcos, cun total de 132.000 metros cadrados dos que 50.000 son de nova creación para futuras instalacións na Sobreira onde, entre outras empresas, atópase o Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

En relación ás dotacións programadas no PXOM, no sistema viario contémplase un novo acceso ao núcleo de Amado, xa que actualmente non poden acceder vehículos de servizos. O novo documento tamén proxecta zonas verdes e equipamentos, destacando un parque público no contorno do colexio; un novo centro sociocultural, un novo cemiterio e diversas melloras na área recreativa do Bañadoiro e no paseo da Canle.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, achegou un importe de máis de 118.000 euros para a redacción e tramitación deste planeamento urbanístico.

Planeamento en Galicia

O planeamento aprobado hoxe convértese no número 25 da provincia de Ourense adaptado á Lei do Solo, e o número 71 no ámbito de Galicia. Na actualidade, dos 314 concellos existentes, 71 municipios contan co PXOM adaptado á lei vixente; 183 están a traballar na súa adaptación; 58 están a redactar o planeamento e os dous restantes non dispoñen deste documento. Nos seguintes cadros amósase a situación dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos.

26 de decembro de 2013 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.