publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os concellos das Somozas e As Pontes percibirán 420.000 euros para diversas actuacións de recuperación medioambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesAs SomozasLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia destinou este ano preto de 420.000 euros á realización de varias actuacións de recuperación medioambiental e mellora do contorno nos concellos das Somozas e As Pontes. Trátase dunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá estes dous municipios para supervisar o resultado dos traballos. No concello das Somozas, xunto co alcalde, Manuel Candocia, asinou a acta de conformidade para a concesión da subvención, que ascende a 128.331 euros.

Neste caso, as obras realizadas ao abeiro destes fondos consistiron na dotación dunha rede para canalizar as augas pluviais na zona verde da Igrexa. Deste xeito, conduciranse as augas ata un pozo de tormentas e, finalmente ao rego da Igrexa, minimizando os posibles arrastres e evitando a degradación da zona que poida provocar o seu vertido incontrolado.

A continuación, Do Campo visitou As Pontes, onde acompañada polo rexedor, Valentín González, visitou os lugares nos que se actuou con estas axudas. O municipio recibiu neste 2013, unha partida de 289.940 euros que lle permitiu, por unha parte, reformar a escola da rúa Covelos para convertela nun centro de interpretación ambiental, que posibilite aos escolares da zona e aos veciños en xeral a realización de actividades vinculadas á conservación da natureza, a reciclaxe ou a posta en valor do medio natural.

Por outra banda, o concello aproveitou os fondos para acometer a renovación das redes de auga potable e de saneamento nas rúa Neda, Fene, Ares, Rego do Campo, Acibido e Piñeiral, co fin de evitar o deterioro das tubaxes, reducir o risco de avarías e, en definitiva, mellorar o servizo de abastecemento. Por último, unha parte da achega destinouse á adquisición dun vehículo de policía local dotado dun equipamento especial para o desenvolvemento de tarefas no eido medioambiental.

Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

12 de decembro de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.