publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a aprobación definitiva do PXOM do Concello de Aranga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArangaLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello coruñés de Aranga. O pasado 16 de decembro o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaba a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Aranga.

Este planeamento urbanístico substitúe ás Normas Subsidiarias Provinciais que rexían o planeamento dende 1985. O plan xeral marcará a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros 15 anos. Aranga convértese no vixésimo noveno concello da provincia da Coruña co planeamento adaptado á Lei do Solo e fai o número 72 a nivel galego. Trátase do noveno dos 10 concellos da comarca de Betanzos en aprobar un PXOM.

No documento destácase a contorna natural na que se enmarca Aranga, con espazos estratéxicos que polo seu valor ambiental e ecolóxico atópanse baixo a Rede Natura ou cualificados como Lugar de Interese Comunitario (LIC) ou incluídos no Inventario de Humidais de Galicia. Así pois, o solo rústico de protección de espazos naturais acada máis dun 25% da superficie total do concello.

O planeamento é proteccionista, posto que o 97% da súa superficie está clasificada como solo rústico protexido. Tamén ten un peso importante a superficie forestal, que supón o 36% do total do concello.

O novo PXOM delimita 156 núcleos rurais, predominando a tipoloxía histórico- tradicional. Determínanse 2 núcleos urbanos: Montesalgueiro, que grazas á súa situación estratéxica como cruce de camiños (a 30 minutos da Coruña e a 45 de Lugo) a través da N-VI e da A-6, adquiriu un marcado carácter comercial e industrial; e A Castellana, o núcleo máis poboado do Concello que ofrece os principais servizos e equipamentos municipais.

O plan xeral estima unha capacidade residencial total de 1.615 vivendas no concello, das que 596 serían novas, na súa meirande parte en solo de núcleo rural. O Plan determina un desenvolvemento residencial de 34.200 m2 (25 vivendas) nunha zona parcialmente edificada na Castellana, constando dous espazos libres de máis de 30.000. Tamén se contempla un desenvolvemento de uso terciario (arredor de 30.000 m2) no centro de Montesalgueiro, onde se prevé un uso comercial/hostaleiro. Ademais, proxéctanse 3 desenvolvementos de uso industrial en Montesalgueiro, cun total de 540.500 m2.

Para a redacción e tramitación deste plan xeral o Concello de Aranga contou cunha subvención do Goberno autonómico de preto de 90.000 euros.

Planeamento en Galicia

Este planeamento convértese no número 29 da provincia da Coruña adaptado á Lei do Solo, e o número 72 no ámbito de Galicia.

Na actualidade, dos 314 concellos existentes, 72 municipios contan co PXOM adaptado á lei vixente; 183 están a traballar na súa adaptación; 58 están a redactar o planeamento e os dous restantes non dispoñen deste documento.

Nos seguintes cadros indícase a situación dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos.

26 de decembro de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.