publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Dumbría percibirá unha achega de 172.000 euros para a mellora do saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDumbría
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 172.235 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na dotación dunha rede de sumidoiros para a recollida de augas residuais e pluviais na parroquia de Olveira. Concretamente, o proxecto executouse en dous puntos diferenciados da estrada xeral: no lugar de Regoelle, por unha banda, e entre Rebouta e Vilar, por outro.

Con esta intervención, preténdese evitar as agresións ao medio natural, derivadas da alta actividade humana e gandeira da zona. Deste xeito, dótase a esta área das canalizacións necesarias que se conectarán ás redes xa existentes para o traslado das augas aos puntos de tratamento correspondentes. Así, estase a contribuír a mellorar a calidade do medio rural, e polo tanto, tamén ao reequilibrio territorial.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 780.781 millóns de euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

11 de decembro de 2013 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.