publicidade hoxe

XXVI edición da Festa da Castaña do Courel en Seoane

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFolgoso do Courel
A-
A+

festa-castana-caurelO lugar de Seoane, no Concello de Folgoso do Courel, acolle o 9 de novembro a XXVI edición da Festa da Castaña, unha cita gastronómica declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

A xornada gastronómica dará comezo ás 12.00 h. coa apertura do recinto e pasarrúas a cargo da charanga BB+. Ás 13.00 h. oficiarase a misa na igrexa de Seoane para, a partir das 13.30 h. dar comezo á degustación das castañas gratuítas e viño ata a tarde-noite con actuación do grupo “Gaitas e Cantores do Caurel” e da charanga BB+, todo iso, despois da oportuna lectura do pregón que correrá a cargo da periodista Manola Porto e do director da Estación Científica do Caurel, Antonio Rigueiro.

A partires das 17.00 h. contarase coa actuación de “Trasno” no recinto da festa, gran artista do novo Circo Galego; e novamente a actuación da charanga BB+. Ás 19.00 h. está previsto o primeiro pase do Dúo Eclipse, que voltará a actuar durante a verbena ás 23.00 h. Durante toda a xornada contarase con venda e exposición de produtos da zona.

A importancia que a comercialización da castaña e dos seus derivados ten para este municipio e para toda a Comarca e a celebración desta festa foi salientada pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto. A cita da a coñecer, non só a calidade do froito, senón tamén os recursos naturais deste municipio. A Deputada insistiu en que “o organismo provincial pon en valor produtos autóctonos de calidade como a castaña do Courel, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida, para activar a economía local e frear a sangría demográfica que padece a provincia, sobre todo no rural”.

O Delegado de Cultura, Mario Outeiro destacou que a festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, combina dous aspectos fundamentais que dan conta da súa importancia. Por unha banda reúne a milleiros de persoas para exaltar a súa calidade e por outra banda a cita é un dos motores da economía produtiva da zona. O Delegado de Cultura agradeceu o esforzo dos organizadores e avogou por darlle á castaña a importancia na economía familiar que tivo antano.Matilde Arza, en representación dos organizadores, agradeceu o financiamento da Deputación fundamental para a celebración desta festa.

Importancia económica

A comercialización da castaña e os seus derivados é unha importante fonte de ingresos na zona do Courel. De feito, na Comarca de Quiroga, na que se inscribe este municipio, é, con máis de 1.100 hectáreas de soutos, unha das máis destacadas de Galicia en canto a superficie cultivada e produción. Son, na súa maioría, PEMES e autónomos que se encargan da súa recollida, tratamento e comercialización, e que contan co apoio da Deputación. O organismo provincial ten en marcha, o programa Soutos, no que se inclúe o municipio de Folgoso do Courel, para a recuperación e plantación do cultivo xerando emprego neste sector.

A institución luguesa mellora a comercialización dos produtos autóctonos, entre eles a castaña, coa distinción das empresas e produtos de calidade coas marcas Lug02 e LugoSabe e coa plataforma de venta on line www.losprodutosdelugo.com. Todas estas iniciativas poñen en valor os recursos do medio natural como oportunidade económica profesional e fixan poboación no rural. A recollida da castaña da emprego a máis de 2.000 persoas na provincia que comercializan máis de 2 toneladas deste froito, concentrando a provincia de Lugo o 30% do total da comunidade galega.

Festa de Interese Turístico Galego

A Festa da Castaña do Courel chega a súa XXVI edición este sábado en Seoane. O programa de actos inclúe actuacións musicais dende a mañá e degustación gratuíta de castañas. No campo da feira haberá postos de comida e de venta de artesanía local. O ano pasado consumíronse 700 quilos de castañas durante a celebración da festa, que data de 1986, alternado o lugar entre Seoane e Folgoso do Courel. A cita, á que asisten cada ano milleiros de persoas, foi declarada o pasado setembro Festa de Interese Turístico de Galicia.

7 de novembro de 2013 | 11:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.