publicidade hoxe

O proxecto europeo Life “Rural Suplies” celebra a súa primeira xornada en Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+

O Concello de Abegondo celebrou hoxe na casa consistorial a primeira xornada técnica enmarcada no novo proxecto europeo Life “Rural Suplies”. Técnicos e expertos na xestión hídrica participaron no evento avalando o paso adiante dado polo Concello para dar un resposta aos cidadáns que seguen abastecéndose de captacións autónomas (estímase que esta situación dáse en 600.000 galegos e en 1 de cada 10 europeos).

Este proxecto europeo acaba de comezar e prolongarase, durante 4 anos, ata 2017. O seu obxectivo: garantir as condicións de salubridade da auga. Por iso, o programa ten como socios do Concello á Consellería de Sanidade e a Augas de Galicia. “Contar cunha auga rica e saudable é contar con calidade de vida”. Así expresou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, o seu orgullo por comezar un novo proxecto europeo, tras o exitoso Life AquaPlann que permitiu mellorar a calidade de auga do ámbito do encoro de Abegondo – Cecebre.

O rexedor resaltou na súa intervención a importancia de que os medios de abastecemento e saneamento estean “en harmonía” co medio. Nisto xa traballa o Concello. O director do programa, Carlos Ameijenda, presentou xa os primeiros resultados do traballo de campo iniciado. O enxeñeiro comezou a elaborar un estudo da situación e problemas que ten o sistema de augas de cada unha das casas participantes no proxecto. Analiza o estado da captación ou pozo, e do depósito; efectua análise do auga tanto na orixe coma na billa; e avalía os posibles riscos do sistema.

Este estudo será o punto de partida para o posterior plan de sostibilidade que se confeccionará de cada vivenda e marcará como poñer solución aos problemas detectados. O enxeñeiro asegura que a calidade da auga subterránea de Abegondo é boa, o que se demostrou no pasado programa LIFE, que ao realizar varias melloras en fontes xa se lograron niveis sanitarios óptimos na auga.

En Abegondo isto sucede na zona sur do municipio, situada a unha cota máis alta que o depósito de auga do municipio. Son 228 vivendas das parroquias de Vizoño, Montouto, Vilacoba, Sarandóns e Folgoso nas que están empadroados 607 veciños. A Unión Europea encontrou a necesidade e idoneidade desta acción e financia o 50% dos 774.000 euros que ten de presuposto. O alcalde cualifica de “oportunidade de ouro” para Abegondo que a Unión Europea e a Xunta apostasen por este proxecto, se ben destaca o traballo “ben feito” que está a realizar o Concello en materia ambiental, con continuos recoñecementos e plans piloto.

O Goberno de Escocia, presente por videoconferencia na xornada

Na xornada de hoxe participaron representantes do Goberno de Escocia, que explicaron a súa estratexia para a mellora de abastecementos de auga privados. Tamén a Universidade estivo presente, coas intervencións de Javier Samper, catedrático da UDC, acerca das masas subterráneas de auga en Galicia, ou de Francisco Díaz, catedrático da USC, acerca dos problemas sanitarios da auga de consumo deste tipo de captacións.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tamén estivo presente coa disertación de José Antonio Castro, investigador, que falou dos problemas emerxentes na auga. O director de Desenvolvemento de Negocio do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Juan Sobreira, analizou as oportunidades dos sistemas de información para a mellora das redes de abastecemento.

A xornada contou como moderadores a alcaldes como Alberto Platas (Aranga), Francisco Quintela (Coirós), ao presidente da xestora de Oza – Cesuras, Pablo González, ao concelleiro de Medio de Abegondo, Gustavo Quindimil, e ao de Culleredo, Narciso Marzoa. O subdirector xeral de Augas de Galicia, Roberto Arias, e o da Consellería de Sanidade, Anxo Gómez, foron os encargados de clausurar a xornada.

22 de novembro de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.