publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nos vindeiros días finalizarán as obras de reforzo do firme da estrada AC-400 en Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSanta Comba
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira, mantiveron hoxe unha reunión de traballo na que fixeron un seguimento dos proxectos que está a desenvolver nestes momentos o Goberno galego no concello. Entre estes, os representantes da administración autonómica e da local analizaron os traballos de reforzo do firme que se están a levar a cabo na estrada AC-400 ao seu paso polo municipio.

Segundo indicou Do Campo, estas obras quedarán rematadas nos vindeiros días, aínda que a súa evolución virá determinada polas condicións meteorolóxicas. Trátase dunha actuación incluída no plan de conservación de estradas realizado pola Axencia Galega de Infraestruturas, que destina máis de 520.000 euros ao arranxo de seis vías da nosa provincia, entre as que se atopa este tramo entre Santa Comba e A Pereira, entre os puntos quilométricos 55+000 e 63+000.

Nestes oito quilómetros de intervención estanse a realizar labores de fresado e reposición do firme, co fin de incrementar as súas prestacións e así mellorar a adherencia e, por tanto, a seguridade viaria. Os traballos completaranse coa renovación das marcas viarias e da sinalización vertical.

Neste senso, o rexedor amosou a súa satisfacción polo resultado dos traballos, pois, segundo destacou, aparte de proporcionar aos cidadáns unha forma de condución máis cómoda e segura que evite a sinistralidade, estase tamén a fomentar o desenvolvemento económico e social do concello.

Esta actuación na estrada AC-400 súmase á realizada durante o verán na AC-404, que une o municipio de Santa Comba co de Zas. Nese caso, a actuación desenvolveuse entre os puntos quilométricos 2+035 e 18+440 e contou cun investimento de 20.000 euros.

Segundo explicou a delegada territorial, o obxectivo de todas estas medidas é cumprir co Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, Plan MOVE. “Trátase de reducir os sinistros e facilitar os desprazamentos, coa finalidade mellorar a calidade de vida aos veciños e veciñas do contorno”, concluíu.

19 de novembro de 2013 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.