publicidade hoxe

Aprobada a modificación puntual do réxime de usos do polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de trasladar ao Concello de San Cibrao das Viñas a orde pola que se aproba a modificación puntual do réxime de usos do polígono industrial do Plan Xeral de San Cibrao das Viñas.

Así se lle pon de manifesto no escrito formulado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, despois de que este departamento analizase a documentación entregada pola Administración municipal. A modificación puntal consiste na adecuación dos usos de solo e da edificación á realidade urbanística actual, admitindo novos usos, como os terciarios e de loxística de transporte, non admitidos ata o momento neste ámbito industrial.

Cómpre recordar que o Consello da Xunta, do 20 de xuño, aprobaba a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de San Cibrao das Viñas, para financiar a revisión do Plan especial do polígono industrial (PEPI) situado no municipio.

A finalidade deste convenio é que o concello dispoña dun documento de planeamento axeitado que permita dar cabida ás previsións de crecemento do seu polígono industrial, adaptado á lexislación de solo vixente. Ambas as administracións son conscientes da necesidade de elaboración dun novo plan especial que proxecte un desenvolvemento urbanístico equilibrado sustentable do seu ámbito, contribuíndo deste xeito ao progreso económico e social do Concello de San Cibrao das Viñas e á demanda de solo empresarial da súa área de influencia territorial.

Esta colaboración está dotada cun orzamento total de 260.150 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente asumirá un 50% (130.075 euros). Pola súa banda, o concello de San Cibrao das Viñas contribuirá no financiamento das actuacións co 50%  restante.

Características do polígono

O polígono de San Cibrao das Viñas foi creado no ano 1965 e está situado na localidade ourensá que lle dá o nome, a 10 km da cidade de Ourense, e configura o ámbito de actividade empresarial máis importante da provincia.

Ocupa unha superficie bruta de 3.250.000 m², dos cales 2.500.000 m² se destinan a solo industrial, 293.910 m² a zonas verdes, 116.400 m² a superficie social e o resto da superficie destínase a vías e aparcadoiro.

Ao longo de todos estes anos fóronse instalando empresas ata chegar a superar as 320 firmas con actividades como industrias químicas, industriais de transformación da madeira, construción, automoción, industria téxtil e outras actividades.

27 de outubro de 2013 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.