publicidade hoxe

A promoción de proxectos de mellora de vías e camiños rurais en Vilarmaior financiarase con máis de 34.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVilarmaior
A-
A+
Do Campo na xuntanza co alcalde de Vilarmaior

Do Campo na xuntanza co alcalde de Vilarmaior

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, comunicoulle ao alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, que o Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, destinará unha achega de 34.000 euros para promover neste municipio obras de mellora de dotacións rurais. Segundo explicou o rexedor, o concello ten previsto destinar estes fondos a diversas actuacións no núcleo de Rieiro.

Do Campo subliñou que esta axuda, realizada mediante o Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ten como obxectivo fundamental “impulsar a modernización e reforma das vías interiores que serven para a comunicación das zonas rurais dos distintos concellos”. No conxunto da provincia, o investimento total para este tipo de actuacións será de 4,53 millóns de euros.

A delegada subliñou que na distribución dos orzamentos tivéronse en conta distintos criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como o número de habitantes, a superficie do municipio, o coeficiente de agrariedade, o despoboamento ou o envellecemento da poboación.

Así, a representante do Executivo autonómico na provincia explicou que os proxectos que se levarán a cabo con este programa “redundarán na mellora da seguridade viaria dos usuarios e facilitarán unha forma de transporte máis cómoda”. Do Campo valorou a importancia do plan, que servirá para “manter en bo estado de conservación os camiños e pistas rurais, que en moitos casos son o único acceso posible para numerosos núcleos de poboación”.

Con estas partidas, serán os propios entes locais os que poderán executar as obras que consideren oportunas, axustándose ao montante das respectivas subvencións, que serán dispostas en dúas achegas: ao longo deste ano e do 2014.

“Este plan resulta un valioso instrumento que a Xunta pon a disposición dos concellos para a conservación nas mellores condicións destas infraestruturas, que en boa parte posúen un carácter estratéxico”, concluíu a delegada territorial.

24 de outubro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.