publicidade hoxe

A Deputación destina 20.000 euros á dotación de cobertura de TDT para os máis de 2.000 veciños do Concello de Xermade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoProvinciasXermade
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o da Asociación Sociocultural e Medioambiental Progreso de Lousada, no Concello de Xermade, Artemio García Baamonde, asinaron este luns un convenio de colaboración a través do que o organismo provincial destinará 20.000 euros ó arranxo e dotación dos equipamentos necesarios para garantir a cobertura de TDT. Esta actuación sufragada polo organismo provincial servirá para dar servizo de televisión dixital terrestre á práctica totalidade dos máis de 2.000 veciños do municipio xermadense.

Esta achega económica súmase ós 6.000 euros que a Deputación concedeu a través do Plan de Comunidades Veciñais 2012 para acometer melloras no local social de Arangón, desenvolvidas en colaboración cos veciños da localidade e consistentes na apertura de portas e na colocación do chan do inmoble. O centro é utilizado habitualmente por un centenar de persoas, principalmente da Asociación de Mulleres Rurais de Xermade (AMURAXE), aínda que está aberto a todo tipo de colectivos.

Gómez Besteiro, que supervisou a execución dos traballos acometidos no local social de Arangón, lembrou que a Deputación achega a través do Plan de Comunidades Veciñais 2012 un total de 30.000 euros para diversas actuacións de mellora e dotación de servizos no rural do municipio de Xermade.

O Presidente subliñou a importancia de manter este tipo de liñas de cooperación cos Concellos, pois, “aínda que son obras pequenas, cámbianlle a vida ás persoas do rural. Cobren necesidades básicas dos veciños, ó tempo que aforran cartos ós Concellos, que por si sos non terían suficiente capacidade económica para levar a cabo estas melloras”.

O Plan de Comunidades Veciñais 2012, dotado con 2 millóns de euros, permite realizar obras prioritarias para a mellora da calidade de vida veciñal, e que o organismo provincial financia ó 100%. É o caso de abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de TV, arranxo de fontes, obras de acondicionamento e arranxo de locais sociais, así como pequenas infraestruturas e adquisición de mobiliarios -informáticos ou similares- para o funcionamento das propias comunidades veciñais, agrupacións ou asociacións de veciños, ou como complemento de áreas recreativas, deportivas e de lecer. Neste 2013, a Deputación renovou o Plan de Comunidades Veciñais, para o que ten consignado xa nos Orzamentos unha nova partida de 2 millóns de euros.

27 de maio de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.