O conselleiro de Sanidade asegura a asistencia sanitaria en todos os centros de saúde de Ribeira e garante que a Xunta traballará por cubrir todas as vacantes de médicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaRiveira
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou hoxe que a asistencia sanitaria está plenamente garantida en todos os centros de saúde de Ribeira mediante a reorganización dos recursos humanos por medio de intersubstitucións e con persoal dos distintos centros.

Tal e como explicou en resposta a unha pregunta parlamentaria, na actualidade este municipio coruñés ten unha dotación dun total de 18 médicos de familia repartidos en catro centros: 14 no de Ribeira, 1 na Casa do Mar de Corrubedo, 1 na Casa do Mar de Palmeira e 2 na Casa do Mar de Aguiño. Agora mesmo hai catro vacantes, dúas delas por xubilación e outras dúas por incapacidades temporais.

Incidiu en que o Servizo Galego de Saúde traballa para cubrir tan pronto sexa posible estas vacantes, pero aludiu á dificultade que supón contar con facultativos, xa que non hai nas listas de contratación profesionais sanitarios aos que poder contratar.

Gómez Caamaño reiterou a súa firme vontade de garantir a asistencia sanitaria nos catro centros de saúde do municipio e de cubrir, tan pronto sexa posible, as dúas prazas do centro de saúde de Aguiño, tal e como lle transmitiu á veciñanza na xuntanza celebrada a pasada semana.

Nese encontro cos veciños, o conselleiro de Sanidade comprometeuse a estudar todas as fórmulas posibles para atender a demanda sanitaria en Aguiño ante a escaseza de médicos.

Demandas ao Goberno Central e compromiso da Xunta

Na súa intervención, o conselleiro subliñou que Galicia e o País Vasco impulsaron un manifesto apoiado por un total de 13 comunidades urxíndolle ao Goberno de España medidas para a dotación de máis médicos. Incidiu en que o propio Parlamento galego aprobou diversas iniciativas para demandarlle, entre outras cuestións, o aumento da idade de xubilación ata os 72 anos de xeito voluntario, ou a axilización de homologación de títulos de especialista en ciencias da saúde.

Lembrou que estas iniciativas, ao igual que a lei da Xunta de medidas extraordinarias para poder ocupar as prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, contaron no Parlamento galego co voto en contra da oposición.

O conselleiro sinalou que o compromiso da Xunta coa mellora da atención primaria en Ribeira queda demostrado con todas as decisións adoptadas para garantir a mellor atención sanitaria aos veciños. Ao respecto, explicou que en 2020 o Executivo galego creou unha nova praza de médico en horario de mañá; tamén reconverteu dúas prazas de médico de familia a facultativo especialista en atención primaria para facelas máis atractivas polo sistema de prazas de difícil cobertura; e reforzou a atención no PAC aumentando o persoal médico e de enfermería nas quendas de tarde.

12 de febreiro de 2025 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.