publicidade hoxe

O 13º Resurrection Fest deixa un impacto económico en Galicia superior aos 8,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereitaViveiro
A-
A+
Presentación dos datos do Resurrection Fest

Presentación dos datos do Resurrection Fest

A Xunta presentou hoxe en Lugo os resultados do estudo de avaliación do impacto económico e social do Resurrection Fest de Viveiro, segundo o que a 13ª edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsou este estudo no marco das accións desenvolvidas baixo a marca FEST Galicia, iniciativa posta en marcha este ano pola Administración autonómica co fin de promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) encargouse da recollida e tratamento dos datos, conseguidos a partir de 1.470 enquisas realizadas no festival do 11 ao 14 de xullo, así como das cifras manexadas pola organización. Así o expuxo Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e na que tamén participaron José Manuel Balseiro, delegado territorial; María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Álvaro Santos, en representación da Deputación Provincial de Lugo; David Méndez, subdirector do Resurrection Fest, e Fran Núñez, codirector do estudo.

Perfil de asistente

O informe de FEST Galicia vén confirmar que o de Viveiro é o festival máis grande e internacional de todos os que se desenvolven na nosa Comunidade. Durante os seus catro días de celebración, o recinto do Resurrection rexistrou máis de 81.756 visitas (entre 22.108 e 25.332 persoas diferentes), das que un 58% se desprazou ata a localidade lucense desde fóra de Galicia. Ademais desta procedencia, o perfil de asistente máis común foi o dun home novo, de 18 a 24 anos, e estudante.

Atendendo tanto á mocidade como á situación laboral do público medio, o director da Agadic considerou especialmente relevante a cifra de gasto por persoa e día, que este estudo cifra en 51,45 euros, sen incluír transporte.

Explicou, así mesmo, que o devandito impacto económico na comarca de 6,6 millóns de euros supón un retorno de entre 2,09 a 2,31 euros por cada euro investido polo festival. Estas cifras increméntanse fortemente no caso da achega da Xunta a través das subvención a festivais profesionais de música, ata situarse entre 181,58 e 201,20 euros por cada euro dos 47.093 adxudicados ao Resurrection en 2018. En palabras de Sutil, este dato dá conta dunha excelente optimización do investimento público.

Máis dun 9 sobre 10 para o trato do persoal

A valoración dos asistentes, que lle conceden a esta 13ª edición unha nota media de 8,7 sobre 10, é outro dos datos salientables do informe. Así, na puntuación dos servizos sobresae cun 9,03 a do trato por parte do persoal, seguida de preto pola dos espazos e mantemento (8,91), localización e integración na contorna (8,82), sensación de seguridade (8,74), puntualidade dos eventos (8,70) e sistema de compra de entradas (8,57). Estas elevadas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (9,43) e a súa imaxe (8,96), atrae turismo (9,32) e xera impacto económico (9,45) e orgullo local (8,89).

Para a obtención destes resultados empregouse un sistema de medición denominado Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se detalla nun manual editado este mesmo ano pola Agadic. Xunto co Resurrection Fest, empregouse para medir o impacto doutros catro festivais dos 10 inicialmente adheridos a FEST Galicia, cuxos estudos xa foron presentados: Sinsal, PortAmérica, SonRías Baixas e Revenidas.

En Viveiro, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado ao festival, onde a marca patrocinou a actividade do escenario Chaos Stage, ademais de difundir desde o seu stand diferentes campañas de concienciación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, as secretarías xerais da Igualdade e de Política Lingüística, e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta.

Manual de boas prácticas

A elaboración dos informes destes cinco festivais é o punto de partida para o deseño de novas medidas que redunden nos valores que FEST Galicia promove, como é o caso da redacción dun manual de boas prácticas para estes eventos, cuxos traballos previos están a comezar en colaboración coa Asociación Empresarial Festivais de Galicia.

En estreita relación con esta medida, a medio prazo desenvolverase un selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos festivais musicais organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade. Así mesmo, será de moita utilidade no inicio dos traballos cara á elaboración dun plan estratéxico para este sector, de novo en colaboración directa cos seus representantes.

18 de outubro de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.