publicidade hoxe

A Xunta achega os recursos de conciliación aos lugares de traballo dos proxenitores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarón
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, compartiu parte da xornada de hoxe co persoal e cos nenos e nenas da escola infantil do polígono naronés de Río do Pozo, que dá servizo aos traballadores e traballadoras das empresas emprazadas neste contorno empresarial. Este recurso de conciliación, promovido pola Fundación Parque Científico Tecnolóxico Río do Pozo, contou para a súa posta en marcha cunha subvención autonómica de 200.000 euros ao abeiro dunha orde de axudas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ao respecto, Amparo González, indicou que o Goberno galego seguirá apoiando a creación destes recursos en contornas empresariais coa finalidade de “achegar o coidado, a atención e o primeiro contacto dos nenos e nenas coa escola ao lugar de traballo dos seus pais e nais, facendo así máis doada a vida cotián das familias e a conciliación, que é un dos eixes principais das políticas sociais en Galicia”. A escola de Río do Pozo, que abriu as súas portas coincidindo co inicio do presente curso escolar, ten na actualidade a 23 menores matriculados e dúas unidades en funcionamento, e ademais tamén dispón de servizo de comedor.

Nesta liña, a directora xeral destacou que o feito de que as zonas industriais conten cun servizo de conciliación trae consigo vantaxes como a mellora do clima laboral polo feito de que os pais e nais poden desempeñar os seu traballos coa tranquilidade de saber que os seus fillos e fillas están ben atendidos e, ademais, preto deles. Así mesmo, engadiu que para conseguir unha verdadeira conciliación “é indispensable contar coa implicación das empresas”.

A Consellería de Política Social vén de resolver unha nova convocatoria de axudas que permitirá seguir espallando estes recursos de conciliación nas contornas empresarias dos municipios da Pobra do Caramiñal e Mos.

Cómpre indicar que esta medida, que se enmarca no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), permite a concesión de axudas a agrupacións ou entidades empresariais de ata 200.000 euros para contribuír ao financiamento dos custos do proxecto, construción e dotación de mobiliario de escolas infantís. A Xunta volverá a publicar este ano unha nova convocatoria de axudas para seguir impulsando a posta en marcha de escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos en polígonos industriais e parques empresariais.

Por último, a responsable autonómica da área de Familia puxo en valor o esforzo que se está a facer nos últimos anos para avanzar en materia de conciliación. Ao respecto, referiuse a outras medidas recollidas no PAN Galicia, como o incremento das prazas en escolas infantís sustentadas con fondos públicos, os programas Bono Concilia e Bono Coidado. A Tarxeta Benvida ou a entrada en funcionamento de 47 Casas Niño no rural.

21 de febreiro de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.