O novo Plan de transporte público contempla unha liña de autobús directa que conectará Rodeiro con Lalín
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Rodeiro, Luís López, no que lle trasladou que o novo Plan de transporte público potenciará unha nova liña directa con dúas expedicións diarias de ida e volta que facilitará os desprazamentos dos veciños das aldeas de Rodeiro que cada día se desprazan ata Lalín para ir ao traballo, realizar xestións administrativas ou facer as súas compras.
Esta nova liña, que conectará directamente a Rodeiro coa cabeceira comarcal, sairá ás 7,30 e ás 12,00 horas e realizará a volta desde Lalín ás 15,30 e ás 20,00 horas.
Vázquez Mourelle salientou que outra das melloras significativas que recolle o plan de transporte é a liña que dará cobertura aos rapaces que cursan os seus estudos, de bacharelato ou ciclos formativos, nos institutos de Lalín, un servizo que na actualidade é financiado polas propias familias e co que se pretende facilitar o acceso á educación e igualar as oportunidades dos mozos galegos, independentemente do lugar no que vivan.
Este plan, no caso concreto do Concello de Rodeiro, axusta os servizos na liña que une este municipio con Agolada e con Dozón, na que está prevista unha expedición diaria. Ademais, atendendo ás achegas que ten trasladado o propio concello, introduciranse máis melloras no servizo, en primeiro lugar, na liña de longo percorrido que fai Lalín-Monforte-Lugo, incorporarase unha nova parada ao paso polo termo municipal de Rodeiro.
A conselleira sinalou que o caso do Concello de Rodeiro é un bo exemplo de que con vontade, con participación activa, con disposición a colaborar e con achegas construtivas se poden mellorar servizos e ofrecer un transporte que se adapte ás necesidades da xente, pensando, sobre todo, nos veciños do rural.
Novo Plan de Transporte público
A titular de Infraestruturas explicou que o plan busca incrementar a calidade do servizo que se lle presta actualmente aos cidadáns e ofrecer a máxima cobertura territorial, dotando ao rural galego dun transporte público máis achegado ás necesidades da xente.
A filosofía desta iniciativa é levar o autobús a onde antes non chegaba, duplicar o número de paradas aos veciños en preto de 200 concellos, sen afectar aos percorridos do transporte escolar, para que máis de 1,7 millóns de galegos vexan mellorada a súa mobilidade.
Subliñou que este plan non só garantirá a continuidade dos servizos de autobús actual, senón que os reforzará e incrementará. Precisou que para iso apóstase por fórmulas novas e por aproveitar as sinerxías existentes, integrando o transporte escolar e o xeral, algo que permitirá usar os asentos baleiros dos autobuses escolares que a xente poderá empregar tamén no período non lectivo coa fórmula do transporte baixo demanda.
Esta iniciativa contribuirá a dar máis e mellores servizos e incidirá positivamente na mobilidade dos veciños de moitas parroquias do rural, sempre partindo da premisa de que os nenos son o primeiro, por iso se blinda a atención aos escolares, mantéñense itinerarios e paradas, e mellórase o servizo ao garantir a figura do acompañante en todas as rutas.
Diálogo e colaboración
A conselleira insistiu no chamamento ao diálogo e á colaboración para sacar adiante, coas melloras que sexan necesarias, un Plan de transporte público que constitúe a día de hoxe única alternativa viable e legal para garantir os servizos e os empregos a partir do mes de agosto.
Ethel Vázquez lamentou que onte os sindicatos volveron renunciar a falar do Plan da Xunta, que permitirá garantir os empregos a través da subrogación dos traballadores. Precisou que este plan suma máis quilómetros e horas de condución que os actuais servizos. Ademais, a integración de parte das liñas de transporte escolar vai permitir incrementar en 146 o número de coidadores, co consecuente aumento de empregos.
Fixo fincapé en que Galicia ten ante si a oportunidade de realizar a transformación do transporte público pendente desde hai moitos anos e de garantir a mobilidade no rural, porque está demostrado que, de non actuar, o transporte público no rural desaparecerá.