publicidade hoxe

Uns 540 mozos interésanse este ano por incorporarse ao rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á explotación Cabuxa Natur

Ángeles Vázquez na visita á explotación Cabuxa Natur

A Consellería do Medio Rural, Ángeles Vázquez, adiantou hoxe que 540 mozos solicitaron este ano as axudas de incorporación ao agro galego. Tras pecharse o prazo de solicitudes hai 15 días, as primeiras cifras veñen demostrar que se mantén o interese dos novos polo rural. O ano pasado obtíñanse cifras históricas con 784 solicitudes, das que finalmente cumprían os requisitos 618. “Así en só dous anos máis de 1.300 mozos mostraron o seu interese por incorporarse ao rural”, declarou a conselleira.

No que se refire aos plans de mellora, este ano rexistráronse 1.610 solicitudes que sumadas ás do ano pasado, supón que máis de 3.800 agricultores e gandeiros decidiron presentar un proxecto para modernizar as súas explotacións e, polo tanto, facelas máis competitivas.

“Levamos dous anos mois bos onde os novos retornan ao rural porque o ven como unha alternativa económica e de emprego”, declarou Ángeles Vázquez durante unha visita á explotación ovina e cabrúa Cabuxa Natur, sita no concello de Guntín e que no seu día recibiu axudas da Consellería tanto para a súa posta en marcha a través das subvencións de incorporación como para a súa mellora.

A conselleira indicou que o sector ovino cabrún segue a ter un carácter minoritario en Galicia, pero que, aínda así, “o rural galego ofrece posibilidades e hoxe aquí temos un exemplo, un exemplo de incorporación e de aposta”, sinalou en referencia á explotación ecolóxica que visitaba e que botou a andar en 2011.

Cabuxa Natur naceu co obxectivo de producir carne de cabrito de alta calidade a través de pastoreo ecolóxico e baixo o amparo do indicativo de raza autóctona Cabra Galega. Hoxe, seis anos despois tense convertido nunha referencia no sector en Galicia.

Pequenas explotacións

Na orde de axudas de incorporación de mozos e de plans de mellora para a que este ano hai presupostados 65 millóns de euros (un aumento do 7,08% respecto á anterior convocatoria), tamén se inclúe unha liña específica para pequenas explotacións para as que este ano recibíronse 187 solicitudes, o que supón un aumento do 167% respecto ao ano pasado.

Unha vez recompiladas todas as solicitudes, a Consellería do Medio Rural comezará o proceso de análise de cada un dos expedientes para comprobar que cumpren os requisitos e valoralos para ter a resolución lista de cara a final de ano.

Sector ovino en Galicia

En Galicia existen 19.739 explotacións con gando ovino e cabrún, cun censo superior aos 207.000 animais. A media é de 10,51 cabezas por granxa, polo que falamos dun sector caracterizado por pequenas explotacións, moitas delas de carácter familiar e nas que, as veces, conviven varias especies gandeiras. Unicamente 274 explotacións teñen máis de 100 ovellas e cabras, un 1,4% do total, e Cabuxa Natur está entre elas cunhas 260 cabras adultas e 130 cabritos.

29 de maio de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.