publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 58.000 euros á Aula da Natureza do Museo Etnográfico das Brañas de Valga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMesía
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de conceder un paquete de axudas para financiar as distintas iniciativas que cada ano pon en marcha a Aula da Natureza do Museo Etnográfico das Brañas de Valga no concello de Mesía. Cunha dotación de 58.193, 55 euros, a entidade etnográfica desenvolverá distintas actividades encamiñadas ao mantemento e conservación das instalacións e equipamento, abonos, sementes para as zonas de xardín, material divulgativo e didáctico para visitas, exposicións, conferencias e obradoiros. Tamén se contempla dentro destas subvencións a organización de cursos de cerámica, no que se precisará o uso de materiais naturais e de modelado de barro.

Unha das partidas orzamentarias máis importantes destas axudas é a designada ao gasto de persoal, que ascende a 46.554,84 euros, un 80% do importe total. O Museo Etnográfico das Brañas de Valga contratará dous peóns de xardinería e un monitor de tempo libre para poñer en marcha as distintas actividades programadas.

A Deputación ven colaborando co centro etnográfico das Brañas dende os seus inicios. O organismo provincial, dende o 2012 ata a actualidade, leva destinados ao museo, un total de 260.907, 29 euros, tanto para a posta en marcha da Aula da Natureza, como para a recuperación do patrimonio natural da entidade, entre outras actuacións.

Situados xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa, a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico Brañas de Valga, está dedicada á flora e á fauna propia das humidades de Galicia, e en concreto á importancia das Brañas. Tamén se atopa dentro das súas instalacións a aula Taller-Laboratorio, dotada co equipamento necesario para acoller grupos de ata 40 persoas, e a aula de usos múltiples. Outro dos seus atractivos é a exposición sobre a explotación e o uso da arxila, o barro e a historia da cerámica en Galicia.

1 de decembro de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.