publicidade hoxe

O campo de traballo de Xermade acolle aos voluntarios que revalorizarán a Casa da Neveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXermade
A-
A+

Un total de 20 voluntarios e voluntarias galegas, doutras partes de España e do estranxeiro, danse cita en Xermade entre o 5 e o 16 de xullo para participar no Campo de traballo Casa da Neveira. O labor que desempeñan estes mozos e mozas de entre 18 e 30 anos consiste na limpeza dos arredores da neveira nun radio de 15 metros e no baleirado controlado do seu interior de pedras e terra, debido ás alteracións producidas polo abandono e o paso do tempo.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes, que tamén contan con outras actividades alternativas, como obradoiros de artesanía e de música galega, actividades deportivas e visitas e excursións a lugares de interese dos arredores.

Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que oferta na provincia de Lugo un total de 1.960 prazas. Ademais de en Xermade, tamén hai campos de traballo en Folgoso do Courel, Quiroga, Pantón, Becerreá e Portomarín. Os campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos celébranse en Os Peares de Carballedo, Os Chacotes de Palas de Rei e A Devesa de Ribadeo, o complexo xuvenil LUG II da capital e os albergues Area de Viveiro, Benigno Quiroga de Portomarín e o municipal de Quiroga.

No total galego, na Campaña de Verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6% máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas de entre 9 e 30 anos e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación de 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalación xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e acción de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

12 de xullo de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.