publicidade hoxe

Fundación Mapfre, Federación Down Galicia e Teima Down Ferrol reciben o galardón COFER 2016 á promoción da responsabilidade social empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na entrega dos Galardóns COFER 2016 en recoñecemento á contribución de empresas e entidades á dinamización, modernización e crecemento do tecido económico, así como da súa responsabilidade social corporativa. No acto tamén estivo presente o titular autonómico da carteira de Emprego, Economía e Industria, Franscisco Conde. A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) organizou este acto que se desenvolveu no Parador de Turismo de Ferrol e no que foron distinguidos o grupo Cándido Hermida, pola súa traxectoria empresarial; Navantia e Windar, pola súa aposta emprendedora na eólica mariña; e a Fundación Mapfre, a Federación Down Galicia e Teima Down Ferrol, polo programa “Xuntos somos capaces” para a inserción laboral de persoas con discapacidade.

Rey Varela foi o encargado de dar o premio á promoción da responsabilidade social empresarial á Fundación Mapfre, a Federación Down Galicia e Teima Down Ferrol polo programa de emprego “Xuntos somos capaces”, que ten como principal obxectivo a incorporación no mercado de traballo de persoas con especiais dificultades, como son as persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental. Así, esta iniciativa ofrece ás empresas interesadas asesoramento e acompañamento durante todo o proceso de integración nas mesmas coa finalidade de garantir o éxito da inserción laboral.

O titular da carteira autonómica de Política Social destacou o compromiso dos galardoados “coa igualdade de oportunidades e de dereitos, así como coa necesidade de avanzar na procura dunha sociedade plenamente integradora, sen barreiras e máis rica; xa que na diversidade está a riqueza”. E, ao fío disto, engadiu que “contribuír a mellorar a calidade de vida destas persoas é unha liña de actuación prioritaria nas políticas sociais en Galicia”.

Ao respecto, o conselleiro destacou que o Goberno galego reforzou este ano o seu compromiso con estas persoas, asinando un total de 11 convenios con federacións que traballan no eido da diversidade. No que atinxe ao colectivo de afectados de Down, Política Social aumentou nun 10% a contía do convenio coa Federación Down Galicia até chegar esta anualidade aos 446.838 euros. Así mesmo, referiuse á iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta de Galicia e a Fundación Down Compostela que fai posible que tres persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas formativas na administración autonómica, no marco dun convenio de colaboración para a realización de actividades, aprendizaxe e integración laboral deste colectivo.

E, nesta liña, Rey Varela recordou que a Oferta Pública de Emprego da Xunta de Galicia para 2016 inclúe no eido da administración xeral 35 prazas reservadas para persoas con diversidade. “Penso que este o camiño que debemos facer entre todos, e para que chegue a bo fin é imprescindible a participación das empresas. Porque a inserción laboral é a mellor maneira de conseguir a plena integración de calquera persoa, favorecer o seu desenvolvemento e autonomía, e mellorar a súa calidade de vida”, concluíu o titular de Política Social.

Crecemento empresarial e emprego

Mentres, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou que todos os premiados “simbolizan unha forma de crecer esforzada, innovadora e responsable” que ten feito posible que entre xaneiro e abril se crearan nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal un 18% máis de empresas que no mesmo mes do ano pasado; e que ten permitido que Ferrol teña un 7,8% menos de paro que en 2015. Conde entregou o Premio ao Proxecto Emprendedor a Navantia e Windar Renovables, cuxo esforzo compartidos nos proxectos Wikinger e Hywind, defendeu, “representa a capacidade dos nosos sectores estratéxicos, neste caso o naval, para diversificarse, poñéndose á vangarda europea dun eido que non é o da súa actividade principal”.

Esta alianza para a fabricación de jackets non só devolveu a actividade ao estaleiro de Fene, sumando un investimento de máis de 100 millóns, 1.300.000 horas de traballo, e máis de 400 empregos directos, senón que, salientou Conde, “é o punto de partida dun traballo que fará a Ferrol e Fene unha referencia a nivel internacional do sector”. Esa meta, dixo, pasa por unha permanente actualización do capital humano, que contará co apoio da Xunta a través da Axenda 20 para o Emprego.

Así, apuntou que o Goberno galego está activando un programa de Unidades de Formación, para atender de forma concreta as necesidades de capacitación dos cadros de persoal das compañías que operan en Galicia. Ademais, e no marco da axenda, sinalou que a Xunta porá a disposición das compañías medidas específicas de formación para colaborar con elas, non só no impulso á diversificación, senón na necesaria adaptación ao Naval 4.0, que necesitará de especialistas en tecnoloxías como robótica, virtualización ou Big Data.

3 de xuño de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.