publicidade hoxe

Consellería do Mar e Concello de Ferrol suman esforzos para loitar contra o furtivismo e mellorar a produtividade da ría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Rosa Quintana na  reunión con Jorge Suárez

Rosa Quintana na reunión con Jorge Suárez

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta mañá unha xuntanza co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para abordar distintos asuntos do eido marítimo pesqueiro que lle afectan á ría ferrolá. Nela acordaron sumar esforzos entre ambas administracións para loitar contra o furtivismo e mellorar a produtividade da ría.

Na xuntanza, Rosa Quintana e Jorge Suárez acordaron traballar de xeito conxunto contra esta actividade ilegal que minora a produtividade da ría e que supón un risco para a saúde pública, pola posibilidade de comercializar produto sen ter pasado ningún tipo de control que o avale, poñendo en risco o nome do marisco que se extrae en Ferrol.

Nesta liña, a conselleira lembrou que a extracción ilegal de marisco se viu reducida nos últimos anos grazas aos controis constantes do Servizo de Gardacostas de Galicia, o que permitiu maiores capturas dos profesionais, maiores ingresos para as confrarías e unha maior trazabilidade dos produtos, reducindo os riscos para o consumidor. Deste xeito, a conselleira explicoulle ao alcalde que desde o 2008 os datos de comisos e incautacións en Ferrol melloraron substancialmente. Así, salientou que os comisos de bivalvos aumentaron nun 170% e as incautacións de aparellos de pesca medraron un 425%.

Permisos de explotación marisqueira

En relación ao proceso de ampliación de permisos de explotación marisqueira (permex), a titular de Mar trasladoulle ao mandatario ferrolá que o proceso de ampliación destes permisos está regulado e reiterou a disposición da Xunta de estudar a posibilidade de incrementar o seu número, sempre e cando o propoñan as propias confrarías que faenan na ría e logo de avaliar se hai recursos marisqueiros para proceder a esa ampliación.

Así, trasladoulle que o seu departamento segue traballando para que se xeren máis postos de traballo, na liña do que xa se acadou no conxunto de Galicia, onde no 2015 foi o primeiro ano no que se incrementou o número de permisos de marisqueo desde a profesionalización da actividade.

Rexeneración do banco das Pías

Na xuntanza a conselleira e o rexedor tamén acordaron buscar vías de colaboración no ámbito da rexeneración dos bancos da ría de cara a afianzar a produtividade. Neste sentido, Rosa Quintana explicoulle a Jorge Suárez que existe un plan de rexeneración de bancos marisqueiros para toda Galicia que conta cun orzamento dun millón de euros e que se realiza a través dunha encomenda coa empresa pública Seaga en colaboración coas confrarías. No caso concreto do banco das Pías, entre as actuacións previstas está a retirada de mexillón, a remoción do sedimento e a eliminación de depredadores, co obxectivo de recuperar a superficie produtiva e mellorar a produción.

Ademais, Rosa Quintana lembrou que como consecuencia da clasificación de Zona C en varios bancos, no ano 2006 activouse un Plan de Acción que se estendeu ata o 2011, con axudas aos mariscadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos e que derivou na concesión dun total de máis de 38 millóns de euros, cuns resultados que non foron os agardados.

Por iso, explicou a conselleira, se puxo en marcha no ano 2012 o sistema de reinstalación de moluscos procedentes das zonas C, que permitiu que se retomase a actividade marisqueira na ría de Ferrol e que os mariscadores puxesen no mercado preto de 480.000 quilos de bivalvos que sen esta fórmula non poderían ter sido comercializados en fresco.

Finalmente, a conselleira lembrou que, grazas a este sistema de depuración, no 2015 a produción da ría de Ferrol case recuperou o nivel de vendas de bivalvos en fresco do 2005, antes do peche dos bancos marisqueiros pola declaración de zona C de varios dos seus bancos. Así, fronte aos máis de 440.000 quilogramos de bivalvos vendidos nas lonxas ferrolás no 2005, cun valor económico de máis de 4,2 millóns de euros, o pasado ano chegaron a máis de 495.000 quilos por importe de máis de 4 millóns de euros.

30 de maio de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.