publicidade hoxe

O técnico Carlos Pérez explicou o plan de compostaxe que se vai implantar en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
Charla sobre compostaxe

Charla sobre compostaxe

O Centro Social de Bueu acolleu onte a partir das 20.30 horas unha charla sobre o Plan de Compostaxe que se vai implantar no municipio coa axuda da Deputación de Pontevedra. Carlos Pérez, técnico de residuos do ente provincial, foi o encargado de informar aos asistentes sobre o sistema de compostaxe, a través da explicación do seu proceso e de experiencias previas que están funcionando con éxito.

Durante a charla, que tamén tivo lugar ás 19 horas en Moaña, Pérez explicou que a idea é ir de “menor a maior, implicando ás familias e despois estendéndose ás comunidades”. Así, a Deputación vai surtir aos concellos de composteiros, mestres composteiros, servizo de trituración e estruturante para facer o compost durante seis meses, prorrogables a doce. Despois serán os concellos os que terán que correr cos gastos do sistema, xa que se trata de “comprobar que a compostaxe funciona e que se pode facer de xeito sinxelo e económico”, declarou Pérez.

A idea que se manexou durante toda a conferencia é que calquera persoa pode participar, xa que non é preciso controlar máis que uns rudimentos básicos. Basicamente, o que terían que facer os cidadáns é verter os residuos orgánicos no composteiro e mesturalo con estruturante (restos de podas que son materiais porosos que fan que entre osíxeno), nunha proporción aproximada de 3 litros de residuos e 3 litros de estruturante.  Estes serían composteiros comunitarios, que son os que se van implantar en varias zonas do casco urbano de Bueu, concretamente en As Lagoas, na rúa Xosé María Estévez, Petís-Pescadoira e xunto aos institutos.

Tal e como se indicou, nunha segunda fase tamén existirá a posibilidade de que se forneza ás persoas do rural que o desexen de composteiros individuais, e de estruturante, ademais de dar a posibilidade de servizo de trituración, tamén a cargo da Deputación.

“Non hai escusa de tipo técnico nin económico para non facelo”, destacaba o técnico que tamén insistiu en que este sistema non crea cheiros, idea demostrable xa que durante 12 anos tivo na súa terraza un composteiro.

Na charla tamén se animou aos cidadáns e cidadás a ver ‘in situ’ o proceso no centro Príncipe Felipe de Pontevedra, onde estará funcionando este sistema a partir do 1 de febreiro.

Mentres, o Concello de Bueu continúa coa busca dos 60 apoios mínimos necesarios para poñer en marcha cada área de composteiros. Os cidadáns que desexen manifestar o seu apoio poden pasar polo Rexistro Xeral do Concello e asinar. 

26 de xaneiro de 2016 | 10:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.