publicidade hoxe

O Concello de Mos presenta un selo de calidade empresarial que acredite ós colaboradores do seu Plan Integrado de Emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Presentación do selo de calidade

Presentación do selo de calidade

Esta mañá celebrouse na Axencia de Colocación de Mos o acto de presentación do selo social para as empresas colaboradoras do Plan Integrado de Emprego ‘Mos 3.0’. Ó acto asistiron 50 dos 90 usuarios do PIE ‘Mos 3.0’ así como representantes de 25 das 61 empresas que colaboran con dito Plan. Tamén estiveron presentes Celso Álvarez, coordinador de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), José Mañas, presidente de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos), Ramón Alonso, presidente de ASETRANSPO (Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionais de Pontevedra), Óscar Soto, concelleiro mosense de Promoción Económica e Emprego, Ana Concheiro, técnico do Plan Integrado de Emprego ‘Mos 3.0’, Noemia Mateo, directora de Adaptarse Soluciones (empresa que desenvolveu o Selo Social para as empresas colaboradoras co Plan Integrado de Emprego ‘Mos 3.0’), a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e Ignacio Rial, xefe territorial de Pontevedra da consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ó remate do acto tamén se realizou a entrega de diplomas ós 50 usuarios e usuarias do PIE ‘Mos 3.0’ que realizaron as seguintes accións formativas: 2 cursos de atención ó cliente con paquetería e escaparatismo, 1 curso de inglés atención ó cliente, 6 cursos de competencias dixitais, 3 cursos de relacións laborais, 1 curso de manexo de carretilla elevadora, 1 curso de acompañante de transporte escolar e 1 curso de controlador de accesos. 

A creación do selo que hoxe se presentaba na Axencia de Colocación mosense acreditará ás entidades que colaboren, de maneira voluntaria e sen contraprestación, no Plan Integrado de Emprego PIE ‘Mos 3.0’ que o Concello de Mos está a desenvolver. 

“O Concello de Mos”, declaraba o edil Óscar Soto esta mañá, “quere valorar o apoio á creación de emprego de calidade e quere, ademais, que estas entidades poidan dar visibilidade do seu compromiso coa mellora social”.

As entidades poderán optar a diferentes versións do selo, segundo o tempo e os recursos dedicados a favorecer a integración no mercado de traballo das 90 persoas desempregadas que están a ser beneficiarias do PIE ‘Mos 3.0’. Polo que se diferenciará entre aquelas entidades que faciliten prácticas, as que realicen contratos laborais e as que se comprometan a manter os devanditos contratos no longo prazo. 

Esta nova iniciativa do Concello de Mos está aberta a todas as entidades que queiran sumarse coa súa participación. 

Desde o inicio da súa participación no PIE ‘Mos 3.0’, as entidades poderán exhibir o selo na súa páxina web e medios publicitarios, nos seus produtos, locais e documentos, para comunicar o seu exemplar comportamento como entidade socialmente responsable en materia de emprego. 

As acreditacións e galardóns finais serán entregadas nun acto público a cada unha das entidades colaboradoras,  unha vez concluído o Plan Integrado de Emprego PIE MOS 3.0. 

Dentro dos obxectivos que se están desenvolvendo dentro do Plan Integrado de Emprego ‘Mos 3.0’ está o fomento do emprendimiento, como forma de autoemprego. Para iso, está a apostarse pola formación e a mentorización, que consigan motivar e impulsar a creación de entidades polas persoas beneficiarias do PIE ‘Mos 3.0’. Estas entidades, tamén terán a súa propia categoría de selo como entidade emerxente ao amparo do PÉ MOS 3.0, para que poidan facer uso do mesmo nos seus documentos, materiais, redes sociais, etc.

A iniciativa do Plan Integrado de Emprego conta co apoio económico da Xunta de Galicia que financia o Plan por medio dunha subvención de 281.497,48 euros. 

Como xa se dixo, benefícianse desta acción un total de 90 alumnos e alumnas usuarios do Plan Integrado de Emprego Mos 3.0. Entre estas 90 persoas hai 46 mulleres, 43 homes, 37 menores de 25 anos, 40 entre 25 e 40 anos e 12 maiores de 40 anos. En canto ós seus perfís por nivel de estudos 26 teñen estudos primarios, 28 Graduado en ESO, 29 ciclos formativos, 3 Bacharelato e 3 estudos universitarios. 

O Plan Integrado de Emprego Mos 3.0, que se prolongará ata finais de agosto de 2016, inclúe sesións de orientación laboral personalizadas con cada un dos usuarios do plan para valorar o seu perfil profesional, detectar as necesidades formativas de cada un deles e establecer un itinerario personalizado de inserción laboral. 

As accións formativas transversais a realizar por todos os usuarios ata o remate do Plan son cursos de formación en competencias dixitais básicas para o emprego, curso de introdución ás relacións laborais, curso de inglés adaptado segundo niveis, e curso de redes sociais para a procura de emprego.

As accións formativas segundo cada perfil profesional que os alumnos e alumnas levan a cabo son: un curso atención ao público con nocións de paquetería e escaparatismo, un curso preparatorio para a ESO, un curso preparatorio para a obtención do carné de conducir B, un curso carretilleiro e un curso de acompañante de autobús escolar.

17 de decembro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.