publicidade hoxe

A nova planta de recuperación de envases permitirá incrementar nun 36% a capacidade de tratamento de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, recordou esta mañá que a nova planta de recuperación de envases procedentes do lixo en masa, e a remodelación da actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitirá incrementar en máis dun 36% a capacidade de tratamento de Sogama.

A responsable de Medio Ambiente visitou hoxe as instalacións do complexo ambiental de Cerceda, no que hoxe Sogama trata un 77% das toneladas de lixo que recibe, polo que cando esta nova planta, na que se invisten 30 millóns de euros, estea operativa tratará todos os residuos domésticos que chegan ao complexo, desviando ao vertedoiro única e exclusivamente a parte que non se poida reciclar ou valorizar material ou enerxeticamente.

A conselleira manifestou que unha das apostas do Goberno galego é que Sogama continúe medrando, gañando eficiencia e mellorando o seu servizo. Así, a nova planta de compostaxe nas instalacións do vertedoiro de Areosa contará cunha capacidade de 15.000 toneladas e cun investimento de preto de 3 millóns de euros. Tamén está prevista a ampliación das dúas plantas depuradoras do Complexo Medioambiental de Cerceda no ano 2016, feito que permitirá procesar as augas recollidas no tanque de tormentas.

Estas tres actuacións para mellorar as instalacións suporán un orzamento de 35 millóns de euros; e ao que se debe engadir o aforro de 1,5 millóns de euros ao ano, grazas ao novo contrato de transporte combinado de residuos (por ferrocarril e estrada) que permitirá duplicar as cantidade que se transportan, pasando dun 25% actual ao 55%.

Modelo económico

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que Sogama é un modelo de xestión “moderno e económico”, pois é o máis barato das tres plantas galegas e un dos máis baratos de España. En 2015 o canon de Sogama foi o terceiro máis baixo entre as empresas de xestión de residuos e valorización enerxética do noso país.

Destacou tamén que Sogama ten actuado como un núcleo de concienciación e educación cidadá en materia de reciclaxe e respecto ao medio ambiente, “unha concienciación pola que se seguirá a traballar baixo a filosofía das 3 R: reducir, reutilizar e reciclar”, aclarou. En definitiva, apóstase por unha Sogama con mellores instalacións, que actúe coa máxima eficiencia, que contribúa á conciencia cidadá, e que ofreza cada día os mellores servizos aos concellos adheridos.

Referente

Beatriz Mato indicou que hoxe “ninguén dubida que as instalacións de Sogama son un referente, non só porque 295 concellos de Galicia, un 94%, están adheridos voluntariamente; senón porque é unha empresa pública solvente, eficiente e sostible”, tal e como recoñeceu a Comisión Europea ao outorgarlle un distintivo polos beneficios que achega ao medio ambiente e á cohesión social de Galicia; e que quedou patente ao recibir máis de 72 millóns de euros dos fondos de cohesión e o pleno aval de Bruxelas. Lembrou que este mesmo ano recibiu o premio Cantábrico Excelente, un distintivo concedido pola xestión ambiental e integral dos residuos que se leva a cabo e que os datos e estatísticas demostran, aclarou.

A modo de exemplo, precisou que as previsións apuntan a que este ano se superará o procesamento de 600.000 toneladas, o mellor resultado dende a súa posta en marcha en 2002; e tamén se están a producir cotas históricas de produción de enerxía a través da xestión dos residuos, a produción de enerxía na Planta Termoeléctrica alcanzará este ano os 360.000 megavatios/hora, un 3,9% máis que no en 2014. En relación coa recuperación de materiais como o vidro ou o aceiro residual, a previsión é recuperar neste ano un total de 3.000 toneladas de vidro e 5.600 de aceiro. A conselleira trasladou que Sogama produce un 11% da enerxía que consumen os fogares da Comunidade galega.

5 de novembro de 2015 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.