Francisco Conde visita en Mugardos a planta de Reganosa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta pola construción dun moderno buque subministrador de gas natural licuado como un paso máis, “concreto e conciso”, na procura de situar na vangarda internacional ao HUB de GNL do noroeste peninsular que se está a impulsar na ría de Ferrol. Neste sentido, Conde adiantou que a empresa Ghenova Ingeniería, ubicada no Porto de Ferrol, será a encarga de deseñar unha embarcación con 8.000 metros cúbicos de capacidade, pensada para a operatividade e navegación nas condicións máis adversas, e dotada da maior eficiencia e autonomía.
“A traxectoria de Ghenova no porto de Ferrol e por todos coñecida”, apuntou o conselleiro, quen tamén resaltou a aposta pola innovación da empresa, materializada a través de proxectos de eólica offshore, ou liderando, no marco do programa Innterconecta, unha iniciativa encamiñada á consecución dun sistema de axuda á evacuación de buques en tempo real.
Neste marco, o conselleiro, que estivo acompañado polo presidente de Reganosa, José María Paz Godoy, polo director xeral de Ghenova, Francisco Cuerdas, e polo alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, salientou que a través do HUB, e no marco da iniciativa europea TEN-T, “estase a contribuír á descarbonización do noso transporte”. Unha meta, explicou, na que traballan todos os axente implicados –a propia Reganosa, Navantia, a Universidade de Santiago, a Autoridade Portuaria de Ferrol, e a Xunta de Galicia-, e na que xa se teñen dado diversos pasos.
“En primeiro lugar, analizouse a demanda potencial de GNL como combustible, co análise de máis de 71.000 movementos de buque no corredor atlántico de Finisterre”, explicou Conde. Ademais, tense traballado, a nivel conceptual, na enxeñería necesaria para a mellora das instalacións da planta de Mugardos; estudáronse solucións técnicas para o subministro de GNL; e deseñouse unha cadea loxística que permita garantir o subministro, e na que xoga un papel prioritario o deseño deste buque piloto.
Deste xeito, salientou o conselleiro, a Xunta aspira a facer do HUB “a infraestrutura máis importante de distribución enerxética do noroeste peninsular”, outorgándolles aos estaleiros galegos unha gran oportunidade para a construción de novos buques, tanto subministradores de GNL, grazas a este proxecto piloto, como daqueles que empreguen o gas natural licuado como combustible; a reconversión de embarcacións xa construídas; e a súa reparación.
Folla de ruta
Como continuación do programa TEN-T, apuntou Conde, e no marco da nova iniciativa Core LNGas, impulsaranse os traballos de adaptación do atraque actual da terminal, ao tempo que se continuará co desenvolvemento da enxeñaría dun novo atraque para a mellora das capacidades actuais. Unhas actuacións que, segundo destacou Conde, son parte da “folla de ruta do HUB para os dous próximos anos”, que contempla tamén a posta en marcha dun Centro de Excelencia para formar ao persoal necesario, e o estudo da conversión ao GNL de parte da flota pública dependente de Salvamento Marítimo.
Sobre esta base, o conselleiro avogou por seguir traballando no futuro co obxectivo de garantir a conexión de Mugardos co resto da rede nacional e aproveitar as posibilidades que ofrece a planificación europea para o período 2015-2024. Unha planificación que, segundo lembrou, xa contempla a construción dun terceiro tanque, que proporcionará a capacidade loxística necesaria adaptada á totalidade da flota mundial de gaseiros; un segundo jetty para a planta, que garantirá un subministro continuo, factor necesario para abastecer a todo tipo de buques propulsados por GNL; e o novo vaporizador, que permitirá duplicar a capacidade de regasificación da planta de Mugardos.